Escoitar

O Concello inicia os trámites para mellorar os accesos ao Hospital do Meixoeiro

xoves, 14 mar 2002
A Xerencia de Urbanismo acordou principiar de inmediato os trámites necesarios para mellorar os accesos ao Hospital do Meixoeiro. O primeiro paso será a modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Urbana para incluír nel os novos viais que permitirán resolver os actuais problemas de circulación na zona.

A mellora dos viais de acceso ao Meixoeiro consistirá na ampliación a unha sección de 16 metros da estrada que une o aparcamento do hospital con Bembrive. Tamén se ampliarán as rúas que rodean o centro sanitario e o acceso á entrada de urxencias. Na confluencia das estradas construiranse rotondas que mellorarán a seguridade.

Outra actuación prevista é a ampliación a 16 metros de ancho da estrada que dará acceso á residencia da terceira idade que se construirá nas proximidades do hospital en virtude do protocolo suscrito polo Concello coa Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

O Concello de Vigo comprométese a realizar os proxectos de obra necesarios para a creación destes viais. A execución corresponde á Xunta de Galicia.


Aprobado o Peri Galindra (Castrelos)

O Consello da Xerencia acordou remitirlle ao Pleno da Corporación o Peri Galindra, na parroquia de Castrelos, para que proceda a súa aprobación definitiva. Este planeamento urbanístico ordena unha superficie de 17.526 m2 na que se construirán 52 vivendas unifamiliares.

As vivendas ubicaranse ao longo de duas ringleiras paralelas ao camiño da Galindra. A zona verde, 10.516 m2, ubicarase xunto á estrada e separando as duas fileiras de edificios. Os promotores do Peri calculan que o coste de urbanización da área roldará os 400.000 euros.