Escoitar

A Xunta de Voceiros propón conceder a Medalla da Cidade ao Centro Portugués de Vigo

xoves, 14 mar 2002
A Xunta de Voceiros do Concello decidiu trasladarlle ao Pleno a proposta de concederlle a Medalla da Cidade ao Centro Portugués de Vigo, entidade que celebra este ano o seu 75 aniversario.

O alcalde, Lois Castrillo, explicou que coa concesión deste galardón preténdese homenaxear a toda a comunidade portuguesa e recoñecer as súas aportacións á cidade en distintos eidos: laboral, empresarial, cultural...

O Centro Portugués de Vigo fundouse en 1927 co obxectivo de reunir aos portugueses residentes na área de Vigo e axudalos a integrárense na sociedade galega.

Nos últimos anos, trala entrada de España e Portugal na Unión Europea, o Centro orientou as súas actividades á divulgación da lingua e cultura lusas a través de exposicións, conferencias, concertos ou cursos de portugués. Deste xeito fixo unha enorme contribución a aumentar o coñecemento e as relacións entre as dúas comunidades veciñas.