Escoitar

Imaxes do mundo, una exposición para reflexionar sobre as desigualdades dun mesmo planeta

mércores, 13 mar 2002
A Concellería de Xuventude inaugura o xoves, 14 de marzo, no instituto de Coruxo, unha mostra de carácter itinerante enmarcada no programa municipal ”Móvete con Vigo” que presenta 45 fotografías en color de Asia, África e Latinoamérica e de cidades como New York e Londres.

As desigualdades entre as sociedades desenvolvidas de occidente e os países que conforman o terceiro mundo son evidentes, pero non sempre se profundiza nesta realidade para pensar sobre as causas e consecuencias, ou sobre a idiosincrasia de ámbolos dous mundos.

Provocar que os rapaces da nosa cidade reflexionen sobre estas diferencias e que tomen conciencia do esforzo que deben facer as persoas que viven nos países máis subdesenvolvidos son os principais obxectivos da exposición ”Imaxes do mundo”. Fotografías de 19 países chegarán ós rapaces a través dos ollos de cinco galegos afeccionados como Juan Roca Fuente, Ernesto Cid Sueiro, Fernanda Cabaleiro Ferreiro e Chus Gómez Rodríguez.

A idea de realizar esta exposición foi o punto de partida para organizar unha unidade didáctica interdisciplinar con contidos de Filosofía, Ciencias Naturais, Lingua e Tecnoloxía. Deste xeito, preténdese afondar desde unha perspectiva global nos disintos universos que forman parte do mesmo planeta. Na elaboración desta unidade didáctica, cunha extensión de 23 páxinas, participaron 18 alumnos de primeiro e segundo de bacharelato guiados por profesores de distintos departamentos.

Na área de Filosofía inténtase abrir un debate sobre a globalización e a diversificación. A idea é que os alumnos pensen no tipo de mundo no que prefiren vivir. A área de Lingua céntrase nos conceptos de lingua internacional e lingua minorizada, para logo referir os idiomas que se falan nos diferentes países representados.

En Ciencias Naturais explícase que a división da humanidade en razas é arbitraria, superficial e que non ten ningunha base científica pois tódolos seres humanos posúen un mapa xenético semellante.

Con respecto á Tecnoloxía explícanse aspectos concretos como as tecedeiras e diferentes infraestructuras nas cidades que aparecen na exposición ou o mecanismo de certos tipos de vehículo. Finalmente, a modo de conclusión, formúlase a pregunta de que o tipo de intercambio pode haber, tanto de índole económica como tecnolóxica ou cultural entre os dous mundos.

A exposición estará presidida por un cartel de grandes dimensións con tódalas fotografías que tamén se deseñou na unidade didáctica. Haberá así mesmo un mapamundi no que aparecen remarcados os países que están representados na mostra.

”Imaxes do mundo” permanecerá no instituto de Coruxo ata o 12 de abril e despois exhibirase nos centros que llo soliciten á Concellería de Xuventude.