Escoitar

O tenente de alcalde asina convenios con entidades sociais por valor de 120.000 euros e anuncia que se reforzarán os orzamentos de Benestar Social

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, e a concelleira de Benestar Social, María Méndez, asinaron este mércores tres convenios de colaboración cos responsables da Asociación Afán, o Comedor da Esperanza e os Hermanos Misioneros por un importe total de 120.000 euros. Segundo explicou o tenente de alcalde, estes convenios teñen o obxectivo de axudar a estas entidades na atención aos máis desfavorecidos e paliar os efectos da crise. Santi Domínguez adiantou que o vindeiro ano se reforzarán os orzamentos de Benestar Social.

mércores, 17 xuñ 2009
1245242480sinatura.JPG
"Para este goberno, para a Tenencia de Alcaldía e a Concellería de Benestar Social a atención e o apoio ás persoas máis desfavorecidas é unha auténtica prioridade, especialmente agora cando a crise económica xa se deixa sentir entre os que menos teñen", salientou Santi Domínguez. O nacionalista di que un goberno ten que humanizar rúas e construir instalacións deportivas, entre outras actuacións, "pero non responde ao criterio da igualdade de oportunidades se non atende aos máis desfavorecidos". Neste sentido salientou o esforzo que está facendo a Concellería de Benestar Social e mencionou a recente inauguración do Centro de Servizos Municipais de Coia, o incremento en dous anos do 50% do seu orzamento, o incremento das axudas de emerxencia social, comedor social e axuda no fogar.

Santi Domínguez destacou o labor que desenvolven as entidades privadas como a Asociación Afán, o Comedor da Esperanza e os Hermanos Misioneros, xa que ao seu xuizo "completan o traballo e o esforzo que facemos desde o Concello". Expresoulles o seu apoio e agradecemento, así como á concelleira de Benestar Social e ao seu equipo. "Con 120.000 euros en dous anos non pagamos o seu traballo, merecerían bastante máis, pero temos que compaxinar estas axudas coa ampliación doutros servizos", explicou o tenente de alcalde.

No seu compromiso por seguir atendendo aos máis desfavorecidos, o tenente de alcalde anunciou que o orzamento de Benestar Social experimentará un incremento o vindeiro ano. "Reafirmamos no noso compromiso de que imos incrementar o orzamento de Benestar Social para o 2010. Rebaixaremos de onde faga falta pero este vai seguir sendo o noso obxectivo porque todas as accións do goberno teñen que ir encamiñadas a solucionar os problemas das persoas afectadas pola crise e paliar as súas necesidades".

A concelleira de Benestar Social, María Méndez, explicou que aínda que a sociedade galega experimentou unha considerable mellora nos índices de benestar "hai moitas persoas en Galiza e en Vigo que siguen vivindo por debaixo do umbral da pobreza e na emerxencia social". Neste sentido, sinalou que hai situacións, como o paro prolongado ou as enfermidades crónicas entre outras, que "incrementan a situación de emerxencia e somos as administracións as que temos que proporcionar recursos e servizos a estas persoas". Lembrou como as entidades privadas "supliron en moitas ocasións á administración na tarefa de dar resposta ás necesidades sociais, polo que afirmou que hai que agradecer "a labor tan desinteresada que están a facer".

María Méndez coincidiu co tenente de alcalde no "compromiso firme de seguir colaborando con estas entidades". Asemade, especificou que o convenio asinado cos Hermanos Misioneros ascende a 22.060 euros ao ano, coa asociación Afán é de 20.000 euros anuais e co Comedor de la Esperanza é de 18.000 euros ao ano.

A presidenta da asociación Afán, Tensi Álvarez, agradeceu a Tenencia de Alcaldía e á Concellería de Benestar Social a axuda "porque o ano pasado nola concederon por primeira vez e este ano xa non temos palabras de agradecemento polo ben que nos están atendendo e pola sensibilidade que demostran". Explicou que no 2008 Afán atendeu a 290 familias, mentres que no que vai de ano van xa 309.

A directora da Casa de Caridade, María Ángeles Oviedo, agradeceu o apoio do Concello "en nome de todas as irmás e dos usuarios, porque é un aliciente non só económico senón tamén moral para seguir traballando". Indicou que se incrementaron notablemente os servizos que prestan, posto que se no 2008 serviron 24.000 comidas, no que vai deste 2009 xa son 14.000, sobre todo a homes de mediana idade.

O pai Donaire, dos Hermanos Misioneros deu as grazas "aos representantes do Concello pola axuda que prestan e o esforzo por incrementala". Sinalou que atenden diariamente a 220 persoas, e que respecto ao ano pasado o númerode persoas aumentou entre un 5 e un 10% como consecuencia da actual crise. "Escoitar dicir que esta axuda vai ser unha prioridade supón que xa contamos con algo. Sabemos da disposición e do bo facer do tenente de alcalde e da concelleira de Benestar Social", subliñou.
Descargar todas as imaxes