Escoitar
As actividades de Imaxina na Rúa comezan o sábado 6 de xuño coa Orquestra "A Tempo" nas rúas e prazas da cidade

Prazas, rúas e clubs completan a folla de ruta do 5º Festival de Jazz de Vigo "Imaxina Sons" <br />

O programa inclúe un ciclo de mesas redondas e dúas clases maxistrais de Fred Frith e Nils Wogram<br /> A tres semanas do comezo do 5º Festival de Jazz de Vigo Imaxina Sons, ao programa de concertos do festival engádenselle as actividades de Imaxina na Rúa, Jazz na Noite, pasacalles o ciclo de mesas redondas e dúas clases maxistrais polo guitarrista Fred Frith e o trombonista Nils Wogram. Redondéase dese xeito a programación do festival, promovido pola concellería de Cultura e Animación Sociocultural do Concello de Vigo, que se desenvolverá do 25 de xuño ao 5 de xullo, pero que empeza a quentar motores o sábado 6 de xuño cos músicos da orquestra "A Tempo" de Pontevedra que tocarán por varias rúas e prazas da cidade ao longo do día. O mapa de Imaxina Sons esténdese xa a toda cidade.

xoves, 4 xuñ 2009
1244115554cartelimaxinasons09.jpg
O obxectivo de Imaxina na Rúa é levar a música ao espazo público da man de formacións integradas na maioría dos casos por novos artistas. "A Tempo", dirixida por Miguel Angel Rodríguez, e integrada tamén por afeccionados con idades entre os 13 e 55 anos, actuará en diferentes recantos da cidade o 6 de xuño tocando standards de jazz e blues; o 20 de xuño, sábado, serán as e os integrantes da ensamble da Escola municipal de Coruña, dirixida por Jose A. Acuña, os que porán en práctica o traballo cotián nas aulas no estudo de música moderna e do jazz.

Na rúa haberá música dabondo durante o festival. De feito, o mesmo día de inauguración, o xoves 25 de xuño, comezan os pasacalles de Papa Swing, que se encargarán de animar rúas e prazas de Vigo até o domingo 28 en diferentes horarios. Na semana seguinte, do 2 ao 5 de xullo será a fanfarria catalana Always Drinking Marching Band a que anime a cidade co espectáculo La Calle es Nuestra, toda unha declaración de intencións para unha formación composta por dez músicos e un clown.

Programa noctámbulo
Co inicio do festival, o xoves 25 de xuño, comeza tamén a programación de Jazz na Noite, na que o escenario do festival son os clubs de jazz da cidade. Os locais que participan nesta rede son o Xancara Jazz, Contrabajo e Quomo que acollerán os concertos de Swing Session Quintet, Paco Dicenta Jazz Qüartet, U-lo Trío?, Dorian Gray Quartet, Organic Collective e Ángeles Dorrio Cuarteto. As formacións incluídas no capítulo máis noctámbulo do festival Imaxina Sons abranguen diferentes estilos e formatos como o jazz rock, vocal e flamenco; da reivindicación do crooner despregada polos Swing Session Quartet até a explosion funk de Organic Collective.O papel dos locais de jazz da cidade ten sido fundamental desde os inicios de Imaxina Sons , que reserva para estes espazos unha programación que durante os días do festival estende o seu horario até entrada a madrugada.

Clases maxistrais, libros e conversa
Co obxectivo de cubrir todos os ángulos posibles, o festival ten apostado desde a súa primeira edición por darlle un lugar ao contacto directo entre algúns dos artistas convidados e aquelas persoas interesadas como músicos profesionais, estudantes e afeccionados. As clases maxistrais desta quinta edición veñen da man de dúas figuras do jazz e da música de vangarda: o británico Fred Frith e o alemán Nils Wogram. O guitarrista Fred Frith, que participa no festival dirixindo a orquestra de Música Espontánea de Galicia (Omega) o domingo 28 de xuño no conservatorio e a dúo coa cantante improvisadora Lucia Recio o luns 29 de xuño no MARCO, impartirá a súa clases maxistrais o día 30 de xuño no conservatorio. Unha oportunidade para compartir achádegos cun dos mestres da experimentación sonora. Tamén no conservatorio o virtuoso do trombón Nils Wogram fará o propio o día 4 de xullo. O músico alemán, nacido en 1972, é unha das novas figuras do jazz europeo e nesta edición de Imaxina Sons –participou na primeira co seu grupo Root 70- integra a formación de Lucas Niggli cun concerto o sábado 4 de xullo no teatro Salesianos. As dúas clases maxistrais están abertas a todas as persoas interesadas até completar aforo. A organización do festival recomenda inscribirse a través da web do festival www.imaxinasons.com.

O programa do 5º Festival de Jazz de Vigo Imaxina Sons conta ademais cun espazo para presentacións e mesas redondas nas que conversar e polemizar ao redor do jazz e que terán lugar os días 29 e 30 de xuño e 1 de xullo ás oito e media da tarde. O luns 29 será a saxofonista e percusionista Chefa Alonso a que presente o seu libro Improvisación libre. La composición en movimiento. Integrante habitual da Omega, estará acompañada na mesa polo pianista e compositor Agustí Fernández, un dos nomes clave da música contemporánea española que actúa no festival ao día seguinte. O martes 30 os críticos Juan Claudio Cifuentes, director do programa Jazz porque sí (RNE) e Javier de Cambra, colaborador do programa Sonideros de Radio 3 continuarán coas súas Anécdotas jazzísticas, iniciadas no festival o pasado ano. Para pechar este ciclo, o mércores 1 de xullo e tendo como pretexto a quinta edición de Imaxina Sons, organízase unha mesa redonda na que se analizará o papel dos festivais no ámbito jazzístico.

Concerto inaugural exclusivo
Con estas actividades queda pechado o programa definitivo do festival, que se inaugurará o vindeiro xoves 25 de xuño ás 22.00h co concerto do saxofonista norteamericano Charles Lloyd na sala de concertos do Centro Cultural Caixanova, na que será a súa única actuación na península. Co seu cuarteto presenta Rabo de Nube, o traballo máis recente dun músico que pasa por ser o primeiro artista de jazz en vender un millón de discos con Florest Flower, directo en Monterrei en 1966, e o primeiro jazzman norteamericano en dar concertos pola Unión Soviética nesa mesma década. As entradas para este concerto, como para o resto das actuacións de pago do festival, pódense adquirir desde o 1 de xuño en www.caixanova.es ou no teléfono 902 504 500.
Descargar todas as imaxes