Escoitar

O tenende de alcalde asegura que a Copa do Rei de Balonmán de 2011 será un éxito deportivo e de público

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, garantíu este martes aos responsables da Liga Asobal que a Copa do Rei de Balonmán que se celebrará en Vigo nos meses de marzo e abril de 2011 "será un éxito deportivo e de público asegurado". O tenente de alcalde así o afirmou tras a sinatura do convenio para a celebración na cidade da XXXVI Copa do Rei de Balonmán, na que tamén participou o presidente da Liga Asobal, Javier Zuriarrain, o concelleiro de Deportes, Xabier Alonso, e o xerente de Asobal, Jordi Pallarés.

martes, 2 xuñ 2009
O presidente da Liga Asobal comezou a súa intervención lembrando a asemblea de Granollers na que se decidiu que a Copa do Rei 2010 se celebraría en Antequera, en detrimento de Vigo, e pediu perdón polos malentendidos que pola súa banda poideran producirse daquela. Agradeceu o pragmatismo de Santi Domínguez "que fixo avanzar e que hoxe esteamos aquí asinando: o protocolo para a Copa de 2011, que se asina antes que a de Antequera", sinalou.

Santi Domínguez agradeceu a presenza en Vigo do presidente da Liga Asobal e as súas "palabras de sinceiridade". Na súa intervención salientou que para a cidade "vai ser moi importante contar coa Copa de 2011 porque imos ter os oito mellores equipos do mundo". Neste sentido destacou o seu papel na promoción de Vigo e o que suporá respecto ao retorno económico. "Os oito equipos coas súas delegacións estarán aloxados en hoteis vigueses e como concelleiro de Turismo me alegra traer á cidade eventos que supoñan a súa promoción", afirmou.

Ademais destes aspectos, o tenente de alcalde sinalou que contar coa celebración da Copa do Rei supón tamén un "premio á afección, non só de Vigo senón de toda a provincia". Destacou tamén a súa importancia polo que un evento destas características ten "para a promoción do propio deporte e para seguir practicándoo". Santi Domínguez sinalou que a afección "merecía a Copa do Rei, pero o Pilotes Posada tamén, polos sinsabores e o esforzo que supón manter o equipo. Ao respecto indicou que o Pilotes será o equipo encargado da organización do campionato, xunto á Tenencia de Alcaldía e a Concellería de Deportes. "Cando se celebre a Copa o Pilotes ten que ser un dos aspirantes a gañala", apuntou.

Repecto ás instalacións nas que se celebrará a Copa do Rei, e en resposta aos xornalistas, o tenente de alcalde indicou que tanto o pavillón central de As Travesas como o Ifevi "cumpren todos os requisitos para acoller o campionato". Afirmou que a Tenencia de Alcaldía e a Concellería de Deportes poñen a disposición de Asobal os dous emprazamentos. "Convido aos directivos de Asobal a que veñan a ver un partido do o Campionato do Mundo de Hóckey a Patíns, para que veñan as posibilidades e decidan", ofreceu Santi Domínguez.

"Para a Concellería de Deportes hoxe é un día de satisfacción porque unha das nosas perspectivas de traballo é traer a Vigo eventos da dimensión desta Copa do Rei", subliñou Xabier Alonso. O concelleiro de Deportes explicou que dende o seu departamento e a Tenencia de Alcaldía se trata de "vencellar os eventos deportivos coa promoción da cidade, así como coa organización de probas paralelas". Así, simultaneamente á celebración da Copa disputarase unha competición de cadetes. "Hoxe se consolida unha ilusión e contar co apoio da Tenencia de Alcaldía é unha sorte", afirmou.