Escoitar

O concelleiro de Electromecánicos e Parques e Xardíns asina un convenio para desenvolver un Programa de Garantía Social

luns, 5 nov 2001
imx742.jpg
Mariño e Vieitez
O concelleiro Henrique Vieitez e o director do instituto de Educación Secundaria de Beade, Miguel Ángel Mariño Sieiro, asinaron un convenio de colaboración para o desenvolvemento do Programa de Garantía Social nos perfís de operario de viveiros e xardíns e operario de instalacións eléctricas de baixa tensión.

Vieitez sinalou que, coa sinatura deste convenio, o Concello de Vigo cumpre un papel eminentemente social co que ofrece oportunidades ás persoas que, ante a falta de integración no sistema educativo, precisen acollerse a políticas de carácter preventivo como estes programas de garantía social. Coa súa aplicación, búscase un aliciente na vía da formación para as persoas que están abocadas ó fracaso escolar co fin de que retomen os estudios ou se incorporen ó mundo laboral.

Os alumnos recibirán clases teóricas no seu instituto e as clases prácticas serán impartidas en instalacións municipais.

Os obxectivos destes programas son desenvolver e afianzar a madurez persoal mediante a adquisición de hábitos e capacidades que lles permitan ós estudiantes participar como persoas responsables nun traballo e na actividade social e cultural así como dotalos de recursos e da orientación necesarios para a busca dun posto de traballo ou para o autoemprego.

Así mesmo, quérese ampliar a súa formación co obxecto de adquirir coñecementos e capacidades propios do ensino básico.

Os programas de garantía social constitúen unha oferta específica prevista con criterios de compensación educativa e equilibradora e están abertos á participación doutras administracións e institucións públicas e privadas. Teñen tamén unha estructura e unha regulación que facilitan os contactos cara o primeiro emprego.

Os destinatarios son persoas menores de 21 anos que, polo menos, cumpran 16 anos no ano natural no que inicien o programa e estean escolarizados no segundo ciclo da Educación Secundaria Obrigatoria e teñan accedido a un programa de diversificación curricular, a xuízo do equipo educativo que os atende, así como aqueles que non estivesen en condicións de acadar os obxectivos da etapa por esa vía.

Excepcionalmente, tamén poderá acceder o alumnado ó que non lle fora posible cursar un programa de diversificación curricular e se atope, a xuízo do equipo educativo, en grave risco de abandono escolar.

Poderán participar nestes programas aqueles que estean desescolarizados e non posúan titulación académica superior á do Graduado Escolar ou que, tendo acadada esa titulación, carezan do título de Formación Profesional de primeiro grao.

Nestes programas está contemplada a realización dunha fase práctica nos centros de traballo relacionados co perfil profesional do programa.

As prácticas desenvolveranse nun curso académico cunha duración que oscile entre as 800 e as 1.000 horas. A superación dun programa de garantía social permitiralles ás persoas interesadas concorrer á proba de acceso a ciclos formativos de grao medio, ás probas para a obtención do título de técnico auxiliar e ás probas libres para a obtención do título de graduado en educación secundaria.

Descargar todas as imaxes