Escoitar

Benestar Social colabora no programa Cinensino no que participarán 14 centros de secundaria

luns, 5 nov 2001
O Concello de Vigo, a través da Concellería de Servicios Sociais e en colaboración co Plan de Galicia sobre Drogas, ofértalles ós centros escolares a posibilidade de participar nun programa de prevención de drogodependencias deseñado e desenvolvido integramente en Galicia. O programa Cinensino comezará o martes 5 de novembro con pases ás 10:00 e ás 12:00 no cine Salesianos.

”A prevención das drogodependencias e a promoción da saúde nos nosos xoves son aspectos que esixen un constante compromiso e responsabilidade por parte de todos. Neste sentido consideramos que a intervención preventiva nos centros escolares debe comezar antes de que se establezan padróns de consumo que máis tarde serán difíciles de cambiar”, explicou a concelleira Belén Sío.

Este programa englóbase dentro do contexto da Educación para a Saúde e pretende ser un instrumento complementario nesta área e dentro do actual sistema educativo. Para isto, debe ser asumido polo propio centro escolar ó que se lle facilita asesoramento, medios e formación imprescindible para que sexa impartido polo seu profesorado.

A ferramenta pedagóxica coa que se traballará será o cinema e mediante a proxección dunha película se irá profundando e traballando en diferentes temas de interese relacionados coa prevención do consumo de drogas.

O programa vai dirixido á poboación escolar de 2º de ESO e ós profesores que imparten clases neses niveis como axentes executores do mesmo, e en liñas xerais, consta de visionado de tres películas (unha por trimestre), que se proxectarán nunha sala de cine do Concello: entrega das unidades didácticas, unha diferente por cada película e dirixidas unhas ós alumnos (Caderno do Alumnado) e outras ós profesores (Manual do Profesorado), para traballar na aula. Cada Unidade Didáctica desenvolve unha serie de explicacións que, dirixidas polo profesor, permiten definir e orienta-los contidos sobre os que se vai traballar e consta dunha serie de exercicios e actividades que facilitan a reflexión e participación dos alumnos, e, por último, dun curso de formación do profesorado en Prevención de Drogodependencias a través dunha Plataforma de Teleformación en Internet dirixido a todos aqueles profesionais do Ensino que estean interesados en amplia-los seus coñecementos no campo da prevención escolar.


PROGRAMA DE PROXECCIÓNS PARA O CURSO 2001-2002

THE KID (El chico) (95 min.)
Jon Turteltaub (EEUU, 2000)

Russ Duritz é un ”cretino” con moito éxito, tanto a nivel profesional coma social. En toda a súa vida de adulto, e atordado polo seu propio éxito, nunca se pregnuntou en que se convertera realmente... Ata que se presenta na súa vida o pequeno Rusty, un neno gordiño de oito anos e, ó parecer, non moi agudo que o Sr. Duritz rexeitará desde o principio porque lle trae da súa infancia recordos que lle gustaría manter durmidos. Ó pequeno Rusty tampouco lle agrada o exitoso Russ, sobre todo cando se decata de que se trata del mesmo de adulto, un adulto no que el nunca quixera converterse: que non ten moza, nin é piloto..., nin sequera ten can.

Módulo: Nivel de baixa autoestima


PÍDELE CUENTAS AL REY (94 min.)
(José Antonio Quirós, España, 1999)

Tralo peche da mina na que traballaba e da que vivía a meirande parte dos habitantes da súa pequena cidade, Fidel, un mineiro asturiano, decide coller á súa familia e marchar camiñando ata Madrid para pedirlle contas ó Rei, a saber: que se cumpra o artigo da Constitución no que se sinala que tódolos españois temos dereito a un traballo digno...

Módulo: Permisividade e consumo dos pais


EL SUEÑO DE JIMMY GRIMBLE (95 min.)
(John Hay, Rik Carmichael, GB,2001)

Jimmy Grimble é un mozo de 15 anos cunha inseguridade que lle impide realiza-lo seu soño de ser futbolista profesional. No colexio, o seu fanfurriñeiro compañeiro Gorgeous George Burley faino continuamente víctima das súas falcatruadas e namorouse de Sara, unha moza nova, ante a que se lle traba a lingua, ademais, é siareiro do Manchester City nun lugar cheo de fanáticos do Manchester United e a súa nai, Donna, acaba de romper coa única persoa que o apoiaba nos seus soños: Harry...

Módulo: Precocidade no consumo de alcohol