Escoitar

Ángeles Blancas: O lied composto no século XX chega ó festival Are More

venres, 2 nov 2001
imx735.jpg
Ángeles Blancas
O festival Are More céntrase en realizar un repaso a temas compostos por autores do século XX dentro do que se define como ”lied” na terminoloxía da música culta. Ángeles Blancas e Patricia Barton interpretarán obras de Strauss, Hindemith, Ravel, Messiaen e Turina no concerto previsto para o domingo, 4 de novembro no Cine Fraga-Caixa Galicia.

Estas composicións, que reciben o seu nome da palabra alemana “lied”, son pezas curtas que foron escritas para unha soa ou para varias voces, con ou sen acompañamento instrumental. Non por iso o “lied” é un xénero menor dentro da música culta, senón que existen pezas belísimas dunha composición primorosa dentro deste xénero musical. Moitos dos compositores máis afamados do panorama musical compuxeron pezas de “lied”.

A soprano Ángeles Blancas é a protagonista deste concerto. Filla de cantantes de recoñecido prestixio internacional, recibiu a súa primeira formación musical da man dos seus pais e na Escola Superior de Música de Madrid. Debutou, como cantante profesional, no ano 1992 na Gala de Reis que dirixiu, daquela, o tenor Plácido Domingo. A raíz da súa primeira aparición como profesional, a súa carreira non se detivo. Participou na gravación de El gato montés, con Domingo e con Teresa Berganza. Un ano despois cantou por primeira vez no Teatro da Zarzuela de Madrid, e foi contratada polo Teatro La Fenice de Venecia.

A partir dese intre, as súas interpretacións repartíronse por un importante número de teatros italianos como a Ópera de Roma ou o San Carlos de Nápoles. Recentemente foi protagonista na Ópera de Montecarlo, no Teatro Real de Madrid e na Ópera de Roma.

Precisamente no Teatro Real abriu a pasada tempada e en outubro do ano pasado estreou o papel de Cleopatra na ópera Julio César de Haendel, en Bilbao e no Liceo de Barcelona. Co gallo dos actos culturais organizados na Expo 2000 en Hannover, interpretou un concerto baixo a dirección de Pedro Halfter. Unha das súas últimas actuacións foi o papel de Rosina en El Barbero de Sevilla na Ópera de Washington. Ten compromisos para actuar nos próximos meses en Sevilla, Liceo de Barcelona, Boloña e Roma, e debutará no Carnegie Hall no papel protagonista da obra Marino Falliero.

Acompañando a Ángeles Blancas no concerto de ARE MORE estará a pianista estadounidense Patricia Barton, que conta cunha impresionante traxectoria profesional non só nos Estados Unidos senón tamén na maioría dos países europeos. Barton foi acompañante principal na Universidade de California durante cinco anos e formou parte de numerosos grupos musicais de cámara no seu país de orixe. Participou na Ópera de Viena, no festival de Las Palmas durante dez tempadas, e foi a pianista principal na maioría dos festivais que se realizaron en cidades españolas. Pianista oficial dos teatros Real e de La Zarzuela, colaborou tamén na gravación de discos en compañía de Plácido Domingo, Elisabete Matos e Manuel Lanza. O ano pasado acompañou a Ángeles Blancas nos recitais que esta deu por distintos escenarios españois. En outubro pasado colaborou coa Compañía Nacional de Danza interpretando lieder de Schubert con coreografía de Nacho Duato no Teatro Real.

No concerto de ARE MORE, Ángeles Blancas e Patricia Barton interpretarán obras de Strauss, Hindemith, Ravel, Messiaen e Turina.

BIOGRAFÍAS

PROGRAMA


Descargar todas as imaxes