Escoitar

O alcalde anuncia a próxima ampliación do recinto feiral de Cotogrande

mércores, 31 out 2001

Discurso de Lois Castrillo na inauguración de Vigoferia:

Vigoferia é un certame cunhas características especiais que o fan singular entre os que aquí se adoitan desenvolver. Fronte á especialización á que tenden cada vez máis outros salóns na busca de públicos específicos e de visitantes profesionais, Vigoferia mantén a súa oferta multisectorial na que ten cabida dende o comercio do moble á gastronomía pasando polo mercado turístico ou o mundo da moda. Esa fórmula, de innegable éxito como demostra a consolidación do evento, é apreciada por moitos empresarios de Galicia e do norte de Portugal que consideran Vigo, e concretamente este certame, como unha valiosa plataforma para achegárense a un espectro máis amplo de consumidores.

Neste caso podemos dicir que Vigoferia fai da variedade virtude. Ese acerto hai que apoñerllo aos organizadores, que atinaron ademáis cando decidiron promocionar o salón no país veciño comprendendo que xa hoxe o Miño non é máis ca un accidente xeográfico no corazón dunha comunidade cultural e económica a cada paso máis definida.

Outro dos acertos da organización foi a creación do Salón Capacidade, escaparate das máis modernas axudas das que dispoñen os discapacitados e tamén oportuno recordatorio para todos nos da problemática que rodea a estas persoas.

En todas estas razóns que acabo de citar poden vostedes buscar a aceptación de Vigoferia, pero permítanme que tamén atribúa parte do éxito do salón ao seu escenario: este pazo de exposicións Nogueira Dalmás. Estamos no recinto feiral con máis proxección de Galicia. Niso ten que ver por suposto a súa situación á beira da cidade máis poboada da comunidade e cun maior dinamismo industrial e comercial. Tamén inflúe a cercanía de Portugal, as excelentes comunicacións do pazo e o feito de que nos últimos anos se foran introducindo distintas melloras nos servicios que se ofrecen a expositores e visitantes.

Esa conxunción de cualidades fixo que o número de eventos celebrados en Cotogrande viñera aumentando sen cesar nos pasados exercicios ata producirse neste ano un salto cualitativo, de 27 a 45 actividades. Ese crecemento tivo a súa correlación na cifra de expositores e na de visitantes, que este ano superarán por primeira vez o medio millón de persoas.

Por ese camiño de crecemento quere seguir o Instituto Feiral de Vigo e para iso nos estamos preparando mediante a elaboración dun Plan Estratéxico que marcará as pautas do desenvolvemento deste recinto. O noso obxectivo é conseguir unha ocupación óptima do pazo de exposicións, un elevado grao de profesionalización dos eventos que nel se celebran e unha maior proxección internacional. Con esa meta propoñémonos ampliar o espacio expositivo, mellorar os accesos e as areas de aparcamento e modernizar as instalacións ofrecendo máis servicios. A paulatina aplicación dese plan estratéxico facilitará a consolidación do Pazo Nogueira Dalmás como centro de referencia no ámbito feiral no noroeste da península e posibilitará a súa expansión.

Ese é o reto do Ifevi para o próximo futuro. Agora, ollando o máis inmediato, ímonos esforzar en que Vigoferia e as actividades que complementan a mostra volvan cumprir as expectativas suscitadas, cousa que de certo sucederá a xulgar pola demostrada competencia dos seus organizadores.