Escoitar

O alcalde anuncia un acordo con Zona Franca para construír tres aparcamentos

xoves, 25 out 2001
O alcalde de Vigo, Lois Castrillo, anunciou que levará ó vindeiro Pleno da Corporación un convenio marco coa Zona Franca para realizar un proxecto de construcción e explotación de tres aparcamentos subterráneos nas rúas Jenaro de la Fuente, Pintor Colmeiro e Areal.

O aparcamento subterráneo na rúa Jenaro de la Fuente construirase no tramo comprendido entre Travesía de Vigo e a rúa Aragón e constará de dúas plantas con capacidade para 500 prazas. A súa superficie total será de 14.430 m2.

O aparcamento subterráneo na rúa Pintor Colmeiro-Unidade de Execución Villa Laura constará de dúas plantas con 370 prazas, prevéndose a posibilidade de construír unha terceira no caso de que os estudios de mercado o aconsellen. A superficie total construída para o suposto de dúas plantas será de 10.290 m2.

O aparcamento subterráneo na rúa Areal ubicarase no tramo comprendido entre a confluencia das rúas Colón e Concepción Areal e a rúa República Arxentina constará de dúas plantas e disporá de 564 prazas. a superficie total construída será de 15.240 m2.

O Consorcio da Zona Franca de Vigo comprométese a construír, xestionar e explotar os tres aparcamentos con suxección a cadanseu proxecto técnico, aprobado polo Concello de Vigo, e ás condicións das correspondentes concesións. O prazo da concesión será de 50 anos.

A ordenación dos espacios públicos en superficie realizarase coas mesmas características que as existentes actualmente no caso de Jenaro de la Fuente. O Consorcio contribuirá nunha contía máxima de 50 millóns de pesetas para a financiación da ordenación do tráfico.

Realizarase un proxecto de urbanización da praza e da rúa Pintor Colmeiro no tramo afectado polo aparcamento sen que supere os 85 millóns de pesetas (ive á parte).

Farase tamén un proxecto de urbanización da rúa Areal no tramo afectado polo aparcamento sen que supere o importe de 130 millóns de pesetas (ive á parte).