Escoitar

Xesus López destaca que a homenaxe a Orencio Pérez era unha das débedas do Concello e de Vigo cara ao xuíz<br />

O concelleiro de Cultura, Xesus López, dixo este venres que o acto de recoñecemento á figura de Orencio Pérez González era unha das débedas do Concello e da cidade de Vigo cara ao xuíz que durante anos estivo á cabeza do Xulgado de Instrución número 5 de Vigo. No acto de homenaxe, que tivo lugar nas dependencias xudiciais da cidade, ademais do edil do BNG tamén participaron o decano do Colexio de Avogados de Vigo, o presidente da Irmandade Xurídica Galega, o presidente da sección segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra, o xefe superior de Policía de Galicia, o fiscal superior de Galicia e a viúva de Orencio Pérez, quen xunto ao concelleiro de Cultura presidiu a inauguración do busto adicado ao xuíz.

venres, 31 out 2008
1225464439PA310103.jpg
"A Concellería de Cultura ten clara a necesidade de realizar este exercicio de memoria, para que a figura dun loitador a prol do dereito do uso do galego cristalizara nun campo, ata hai non moito tempo, tan hostil como o da Xustiza", subliñou Xesus López, quen cualificou o acto de "necesario, merecido e entrañable". Ademais, recoñeceu que é un orgullo para Vigo e para as institucións xurídicas contar con homes como Orencio Pérez, do mesmo xeito que el consideraba un orgullo "pertencer a este pobo".

A representante da Irmandade Xurídica de Galicia, Carmen Pérez, salientou que grazas ao "empeño persoal do Concelleiro de Cultura" foi posible dar cumprimento ao acordo plenario de 1999, quen recibiu "con agradado" a proposta de homenaxear a Orencio Pérez polo seu empeño de "resolver os atrancos que atopou na normalización da lingua galega". Así mesmo, a viúva do xuíz, Chelo González, agradeceu ao Concello de Vigo o seu recoñecemento, e especialmente ao actual responsable de Cultura.

O decano de Colexio de Avogados de Vigo, Alfonso Álvarez Gándara, sinalou na súa intervención que os profesionais da Xustiza teñen diante un desafío que precisa "dun esforzo constante", co obxectivo de "recuperar o terreo perdido pola lingua galega". Alertou contra o feito da desaparición da lingua galega "en dúas xeracións" no caso de "non corrixir a deriva actual", posto que ao seu xuízo, trátase dunha loita "tan urxente como a de evitar o cambio climático", polo que defendeu que a esixencia aos altos cargos da administración de xustiza o coñecemento da lingua galega.

O presidente da Irmandade Xurídica Galega, Xaquín Monteagudo Romao, fixo referenza a súa relación co Orencio Pérez, baseada no feito de "compartir proxectos conxuntos" e subliñou que a homenaxe a Pérez González é así mesmo "unha homenaxe á lingua galega". O presidente da sección segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra, Xoán Barreiro Prado, preguntouse pola causa de substituír o uso do galego nos arredores do Pazo de Xustiza polo castelán nas diferentes salas. Pola súa banda, o xefe superior de Policía de Galicia, Luís García Mañá, lembrou a súa relación profesional e persoal co xuíz e subliñou o seu labor pola normalización lingüística.

O fiscal superior de Galicia, Carlos Varela García, rememorou o seu traballo conxunto con Orencio Pérez no comezo de realizar todos os escritos xudiciais na lingua galega, feito que segundo asegurou incluso serviu para realizar un "mellor traballo de instrución dos casos", pola súa proximidade coas persoas declarantes, que o facían en galego. "É notoria a escasa manifestación en galego no ámbito xudicial, pese ao tempo transcorrido dende a súa cooficialidade", salientou, ao tempo que animou aos profesionais a demostrar que nun xulgado é posible traballar "integramente en galego sen crear ningún estado de indefensión".
Descargar todas as imaxes