Escoitar

Vigo rexistra un incremento dos padróns de bens inmobles e de actividades económicas en 2008

Ambos datos incrementan os rexistrados o pasado ano e os seus impostos supoñen máis de 60 millóns de euros ás arcas municipais. Segundo informou o alcalde, Abel Caballero, as inscripcións de bens inmobles ascenderon ás 190.793, un 2,18% máis que en 2007, e as computadas no Imposto de Actividades Económicas suben un 11,92%, alcanzando as 4.384.

luns, 4 ago 2008
1217855072P5050013br.jpg
A Xunta de Goberno Local deu conta este luns en sesión ordinaria dos padróns dos Impostos sobre Bens Inmobles e sobre Actividades Económicas de Vigo en 2008, rexistros que sofren un incremento con respecto ao pasado 2007.

O censo de bens inmobles deste ano, tal e como explicou o alcalde, implica a existencia de 190.793 vivendas, 4.217 máis que as empadroadas en 2007, o que supón un incremento dun 2,18% respecto ao pasado ano. O valor catastral das mesmas tamén ascendeu un 2,07%, acadando os 147 millóns de euros. Abel Caballero cifrou en 49.755.000 euros a aportación deste imposto ás arcas do Concello vigués.

No tocante ao Imposto sobre Actividades Económicas de 2008, o rexedor local informou que o número de inscripcións veuse incrementado nun 11,92% en comparación co 2007, ata acadar as 4.384, aumento "fundamentalmente debido a que o sistema de inspección funcionou", salientou Abel Caballero. A cantidade a recadar este ano ascende aos 12 millóns de euros.

Oferta de emprego público
O alcalde deu conta asemade da relación de postos de traballo do Concello de Vigo aprobada na sesión da Xunta de Goberno Local deste luns, realizada por última vez no ano 2005, afirmou Abel Caballero, e que permitirá dotar de "maior eficiencia no funcionamento administrativo do Concello".

O cadro de persoal conta con 1.414 prazas, das que 1.267 están ocupadas na actualidade, co que quedan valeiras 147 vacantes. Para cubrilas, o alcalde avanzou unha próxima oferta pública de emprego, previo diálogo co Comité de Empresa, que incluirá 25 novas prazas de Policía e 17 para o corpo de bombeiros.
Descargar todas as imaxes