Vigo reforza a memoria e a visibilidade das mulleres do mar cun novo roteiro pola ría
O proxecto Sereas, impulsado polo Concello e Fundamar, amplía en 2026 o seu repositorio de referentes femininos e celebrará en outubro a décima xornada dedicada á igualdade no sector marítimo-pesqueiro.
O alcalde presentou xunto á primeira tenente de alcalde, Carmela Silva; a concelleira de Igualdade, Ana Laura Iglesias; a xerente de Fundamar, María Caldeiro; e o presidente da Cooperativa de Armadores do Porto de Vigo, Javier Touza, a programación de 2026 do proxecto Sereas, Mulleres do Mar, unha iniciativa que desde 2017 traballa para visibilizar, recoñecer e poñer en valor o papel das mulleres no sector marítimo-pesqueiro e conserveiro de Galicia.
Unha das principais novidades desta edición será o Roteiro Sereas, o mar en clave de xénero, unha ruta en catamarán pola ría de Vigo que permitirá percorrer a historia marítima da cidade desde a perspectiva das mulleres. A iniciativa abordará a evolución económica e social de Vigo vinculada ao mar e á industria conserveira, recuperando especialmente o papel das mariscadoras, traballadoras das fábricas de conservas e mulleres dedicadas á comercialización do peixe. “É un cambio no eixo de entender o mar”, destacou Caballero, que situou como obxectivo “recuperar e preservar a memoria das mulleres do mar e darlles a visibilidade histórica e social que merecen”.
A programación inclúe tamén a ampliación do repositorio dixital Somos Sereas, coa incorporación de dúas novas mulleres referentes do sector. As súas traxectorias persoais e profesionais quedarán recollidas a través de fontes documentais e testemuños que darán lugar a dúas pezas audiovisuais e ás correspondentes fichas divulgativas.
En outubro celebrarase ademais a décima Xornada Sereas, con relatorios, mesas redondas e espazos de diálogo nos que investigadoras e profesionais abordarán a igualdade de xénero, a memoria histórica e a participación das mulleres no sector marítimo.
Javier Touza reivindicou a importancia histórica das mulleres para o desenvolvemento da industria marítima galega e recoñeceu que “o sector estaba e está en débeda coas mulleres”. O presidente dos armadores destacou o seu papel “absolutamente transcendental” desde a revolución industrial en Galicia e apuntou tamén á necesidade de incorporar a perspectiva de xénero á educación e formación dos futuros profesionais das escolas náutico-pesqueiras.
Pola súa banda, María Caldeiro agradeceu o apoio municipal ao proxecto e destacou que Sereas constitúe “un eixo vertebrador” da actividade de Fundamar. “Para nós é fundamental que Vigo sexa o epicentro da nosa actividade dentro de Sereas”, sinalou a xerente da Fundación, agradecendo a aposta do Concello pola continuidade da iniciativa.