Escoitar

O goberno local licita por 548.000 euros a renovación do pavillón Frontón das Travesas

A actuación permitirá substituír as cubertas, modernizar as instalacións de produción de auga quente e rehabilitar o interior e o exterior do edificio.

luns, 24 ago 2026

O Concello de Vigo aprobou a licitación das obras de mellora da eficiencia enerxética e renovación do pavillón Frontón do complexo deportivo das Travesas, cun investimento de 547.972,60 euros. “É unha mellora importantísima no pavillón Frontón das Travesas”, explicou Abel Caballero, quen avanzou que os traballos incluirán a substitución da cuberta da pista de frontón e da cuberta dos vestiarios, así como a rehabilitación das paredes interiores e das fachadas exteriores.

O proxecto contempla tamén unha importante mellora da eficiencia enerxética do complexo. A actual caldeira de gasóleo será substituída por bombas de calor para a produción de auga quente e instalaranse paneis fotovoltaicos sobre a cuberta, reducindo o consumo enerxético das instalacións. A previsión establecida no proxecto é executar os traballos nun prazo de catro meses.

A intervención completarase coa rehabilitación e pintado da estrutura, a bancada e as fachadas do pavillón. “En suma, é practicamente un novo pavillón, cunha actuación de máis de medio millón de euros para seguir fomentando o deporte na cidade”, salientou o alcalde.

Descargar todas as imaxes