O Payaso Tallarín leva esta tarde o seu gran circo a Castrelos
O espectáculo infantil comezará ás 20:00 horas cunha proposta chea de cancións, risas e acrobacias para as familias viguesas. A programación do auditorio continuará este venres 7 de agosto, ás 22:00 horas, cun dos grandes concertos do verán: a actuación de Abraham Mateo.
“El Payaso Tallarín. Su gran circo” chega esta tarde a Castrelos como o terceiro espectáculo infantil da programación municipal de verán. O protagonista estará acompañado pola súa tropa de pallasos divertidos e soñadores nunha función que demostrará que non son necesarias unha carpa xigante nin animais exóticos para crear un circo espectacular.
“É un espectáculo cheo de cancións, risas e acrobacias, óptimo para as nenas e nenos da cidade”, destacou Abel Caballero. A historia desenvolverase arredor dos preparativos da festa de graduación dunha escola de circo, ao ritmo dalgúns dos grandes éxitos de CantaJuego.
Abraham Mateo
A música continuará esta semana en Castrelos coa actuación de Abraham Mateo, que subirá ao escenario do auditorio municipal este venres 7 de agosto ás 22:00 horas. O artista gaditano fusiona nas súas cancións o pop, a música urbana e o reguetón e conta cunha destacada traxectoria internacional, con colaboracións xunto a artistas como Luis Fonsi, Becky G, Ana Mena, Jennifer Lopez, Manuel Turizo ou Sebastián Yatra.
“Teremos outro dos grandísimos concertos do verán e seguramente da historia de Castrelos”, avanzou o alcalde, quen animou a todos os seguidores do cantante a asistir á actuación: “Nin un só Abramer pode deixar de ir; todos ao concerto de Castrelos”.