A nova Praza do Rei será un “lugar de encontro para a cidade”
A Xunta de Goberno Local aprobará este venres o proxecto básico e de execución da obra de reforzo estrutural e de mellora da accesibilidade da Praza do Rei que ten un orzamento previsto superior aos 4,4 millóns de euros.
O alcalde explicou que o obxectivo do Goberno municipal é que a praza do Concello, que ten unha superficie superior aos 5.000 metros cadrados, sexa “un lugar de encontro e conexión entre a cidadanía e as institucións, un espazo público vencellado á vida urbana, ao municipio, ao xogo, aos eventos e á convivencia”.
Coa remodelación prevista no proxecto da obra, que ten un importe de 4.441.565 euros e un prazo estimado de execución de 22 meses, “transformaremos a inhóspita praza actual nun dos lugares de encontro máis amables de toda a cidade”, apuntou Caballero.
Tal e como explicou, a remodelación da praza comezará co reforzo estrutural da cuberta do aparcadoiro, que nestes momentos non ten suficiente capacidade de aguantar pesos, e a execución dunha nova impermeabilización coa máxima garantía. Ademais, a praza contará cun novo pavimento pulido, capaz de soportar o paso de vehículos durante a celebración de eventos.
Posteriormente, o Goberno municipal prevé cubrir o paso de vehículos a través da rúa Cachamuíña, a conexión co Paseo de Granada, a entrada ao aparcadoiro e parte do inicio da Rolda Don Bosco diante da Gota de Leite. Deste xeito, a aba do Castro recupera a súa conexión co espazo do antigo Paseo de Granada, creando un gran ámbito cheo de vexetación e espazos de estancia. O rexedor apuntou que o espazo que se gaña ao asfalto con esta actuación servirá para crear bancais con zonas para sentar, gozar das vistas... Ao mesmo tempo, configurarase unha bancada para presenciar os eventos que se celebren na praza.
Entre as actuacións contémplase unha nova cafetería con xardín á sombra, a instalación de 19 grandes bancos-xardineira como espazos de descanso con sombra, 6 áreas de descanso con tumbonas de lecer e 4 grandes mesas con bancos para conversar, xogar ou descansar. En total haberá 95 metros lineais de bancos nun espazo conformado por unha vexetación de estilo naturalista atlántico, ofrecendo a sensación dun bosque suave con cores outonais. Haberá 22 novas árbores de distintos portes e 16 grandes especies arbustivas distribuídas en 125 metros cadrados de xardineiras.
O alcalde sinalou que se crearán diferentes zonas na nova Praza do Rei configurando un espazo “moito máis humano”: un miradoiro, con pavimento brando; unha zona de encontro, na contorna da cafetería e a praza pública para acoller eventos de todo tipo.