Escoitar
Primeira cidade turística de Galicia

A I Gala de Turismo de Vigo poñerá en valor a empresas e entidades do sector

Abel Caballero avanzou que se outorgarán premios en 9 categorías. A velada será este martes 21 de abril ás 20 horas no Auditorio Mar de Vigo. O alcalde reivindicou os datos que sitúan a Vigo como primeira cidade turística de Galicia.

martes, 21 abr 2026

A gala, que contará coas actuacións da artista viguesa Antía Pinal e de Eladio e os Seres Queridos, estará conducida polos xornalistas Paula Montes e Luis García e terá como eixo central a entrega de galardóns a empresas, profesionais e entidades do sector turístico.

Os premios están organizados en nove categorías: o premio á Excelencia Hoteleira; o de Mellor Proposta Gastronómica; o recoñecemento á Traxectoria e Tradición en Hostalaría; o premio á Mellor Iniciativa Solidaria; Mellor Evento de Proxección Pública; o galardón ao Compromiso coa Sostibilidade; á Mellor Experiencia de Ocio Temático; o recoñecemento de Patrocinio e Colaboración Empresarial; e o premio Spotlight.

Caballero subliñou que Vigo “pasou de ser unha cidade máis a converterse na principal cidade turística de Galicia”, avalada polos datos do Instituto Nacional de Estatística, que sitúan á cidade como líder en número de visitantes totais e estranxeiros ao longo de 2025, superando o millón de viaxeiros. O alcalde destacou que este éxito é resultado do esforzo conxunto do sector —hoteis, restaurantes, cafeterías, guías turísticos e organizadores de eventos— e do impulso municipal, que permite manter altos niveis de ocupación durante todo o ano.

Descargar todas as imaxes