Escoitar

O Concello investirá 1,4 millóns de euros na renovación dos vestiarios do campo da Bouza

O Goberno municipal aprobará este venres o proxecto de substitución dos vestiarios e instalacións do campo de fútbol da Bouza, cun investimendo de 1.446.764 €. Amais, Abel Caballero avanzou que o ente municipal subvencionará o “Torneo Internacional de Fútbol Base MS2 Cup 2026”.

xoves, 16 abr 2026

A Xunta de Goberno dará mañá luz verde ao proxecto de renovación dos vestiarios e instalacións do campo de fútbol da Bouza, en Coia, cun investimento de 1.446.764 euros e un prazo de execución de 5 meses.

O proxecto municipal prevé “a demolición total das construcións existentes, como os vestiarios, os locais, a cantina e a pista de petanca”. Tamén se inclúen actuacións como a demolición dos pavimentos afectados, a escavación para poder executar a cimentación das edificacións modulares, o desprazamento de 1,20 m das pistas de petanca cara o sur, a instalación de novas redes de abastecemento, saneamento, electricidade, iluminación e telecomunicacións e a propia colocación das edificacións modulares así como a conexión das instalacións coas redes exteriores.

Caballero recordou que “a finais de marzo xa aprobamos o proxecto de renovación do Carballal por 1.284.000 €” e progresivamente faranse o resto dos vestiarios anunciados: Monte da Mina, San Andrés de Comesaña, A Guía, As Relfas, Candeán, Meixueiro e Santa Mariña. “En suma, unha renovación total dos vestiarios de todos os campos de fútbol de Vigo”, afirmou.

MS2 Cup 2026

Abel Caballero tamén avanzou a aprobación dunha subvención, por un importe de 140.000€ ao “Torneo Internacional de Fútbol Base MS2 Cup 2026”. "Trátase dun torneo que destaca pola súa singularidade e a participación de clubs de alto nivel de ámbito internacional”, sinalou, cuxa organización corre a cargo do ex-xogador do Celta e do Real Madrid, Michel Salgado. 

O evento acollerá delegacións de máis de 22 países, entre os que se atopan nacionalidades de Europa, Oriente Medio e Australia, e inclúe clubs campións de competicións europeas como a Champions League. En edicións anteriores a participación superou as 4.500 persoas entre deportistas e corpos técnicos.

Descargar todas as imaxes