O Concello facilitará axudas para rehabilitar vivendas baleiras que saian en alugueiro a prezo taxado
O importe máximo de subvención que poderá recibir unha vivenda é de 20.200 euros. Ademais de obras de rehabilitación, poderá financiarse a obtención do certificado de eficiencia enerxética e a contratación de seguros e avais.
O alcalde deu conta esta mañá do inicio do expediente das bases reguladoras e a convocatoria para a concesión de axudas a vivendas baleiras para alugueiro a prezo taxado. Trátase dunha liña de subvencións para arranxo e rehabilitación dotado con 2.150.000 euros, o maior esforzo orzamentario de ningún concello en toda a Comunidade. Neste punto, Caballero apuntou que a Xunta dedica 2,8 millóns para toda Galicia neste mesmo concepto.
Segundo detallou, o importe das obras subvencionables é de 30.000 euros. Para as obras con valor menor a 16.000 euros, o Concello financiará o 80%, mentres que no caso de traballos de mellora de ata 30.000 euros, o tramo de importe superior aos 16.000 euros financiarase ao 30%.
Deste xeito, a subvención máxima para obras de 30.000 euros será de 17.000 euros, é dicir o 57% do importe total será financiado por unha axuda municipal. Facendo unha comparativa coas achegas da Xunta, a contía máxima autonómica é de 11.000 euros, polo que as axudas municipais son un 54% máis elevadas que as que outorga a Xunta neste concepto.
Adicionalmente, habilitaranse axudas para financiar a obtención do certificado de eficiencia enerxética e a contratación de seguros e avais, terá un importe máximo de 3.000 euros en 5 años. Por tanto, concluíu, o importe máximo da subvención que pode recibir unha vivenda será de 20.200 euros co “obxectivo de incrementar a oferta de alugueiro a prezo taxado”.