Escoitar

O 23 de febreiro abre o prazo de solicitude das becas do Concello “Vigo en Inglés”

Abel Caballero anunciou que mañá o Concello aprobará as bases da convocatoria das bolsas “Vigo en Inglés” para o ano 2026, cun orzamento total de 3 millóns de euros.

xoves, 12 feb 2026

O programa permitirá que 927 rapazas e rapaces de 3º da ESO poidan desprazarse ao Reino Unido e Irlanda para realizar unha estadía de inmersión lingüística. O custo de cada praza, subvencionado polo Concello, ascende a 3.235 euros. O prazo de solicitude abrirase o 23 de febreiro e permanecerá aberto ata o venres 6 de marzo, ambos os dous días incluídos.

Trátase dun programa integral de aprendizaxe do inglés que inclúe convivencia con familias de acollida, cursos intensivos, viaxes e actividades culturais, favorecendo unha asimilación directa da cultura e un aprendizaxe acelerado e intensivo da lingua.

Segundo sinalou o alcalde, con esta nova edición “iniciamos unha nova tanda de envíos de mozos e mozas, a nosa armada invencible”. Caballero louvou o Vigo en Inglés como unha experiencia cultural, lingüística e vital, que o estudantado lembra ao longo de toda a súa vida.

Descargar todas as imaxes