Escoitar

Vigo consolida o crecemento de visitantes nos seus museos cun aumento de case o 7% en 2025

“A nosa proposta de mellora dos espazos museísticos está a funcionar. Cada vez temos máis visitas”, subliñou o rexedor. En total foron 311.442 as persoas que se achegaron ata os museos de Vigo.

martes, 13 xan 2026

O alcalde destacou os excelentes datos de visitantes rexistrados nos museos municipais ao longo de 2025, un ano no que 311.442 persoas visitaron os espazos museísticos da cidade, o que supón 19.257 visitantes máis que en 2024 e un incremento próximo ao 7 %.

Abel Caballero puxo en valor o traballo desenvolvido no marco do Plan Estratéxico de Museos, baseado na segmentación, especialización e articulación eficaz da rede museística municipal.

Segundo os datos presentados hoxe, a Casa das Artes rexistrou case 160.000 visitantes, o MARCO superou os 63.000, o Museo de Castrelos rexistrou máis de 36.000, Verbum alcanzou os 25.000, a Pinacoteca Fernández del Riego chegou aos 10.000, e o Museo Liste superou as 8.000 visitas.

Caballero salientou que Vigo conta coa rede de museos municipais máis importante de calquera cidade de España, un activo cultural de primeiro nivel que “está a ser aproveitado con eficacia”. Como exemplo, destacou o momento que vive o Museo de Castrelos coa exposición do centenario, cualificada como “notable e excepcional”.

De cara a 2026, o alcalde avanzou que o Concello seguirá mellorando a planificación e impulsando novas actuacións, con obras e ampliacións relevantes, como a habilitación da primeira planta da Casa das Artes para albergar a colección de arte municipal, así como melloras na Pinacoteca.

“Seguiremos apostando por exposicións excepcionais e por reforzar o papel dos museos como un dos grandes sinais de identidade da cidade”, concluíu Caballero, quen afirmou que “Vigo ten grandes museos, grandes exposicións e uns datos de visitantes que así o avalan”.

Descargar todas as imaxes