O Concello inviste 303.000 euros na renovación integral da cuberta da grada do campo de Bouzas
A Xunta de Goberno Local dará luz verde á contratación das obras que terán un prazo de execución de 12 semanas, coa previsión de iniciarse a finais do verán.

O alcalde puxo en valor o investimento municipal en Bouzas ao informar da renovación integral da cuberta da bancada do campo de fútbol, que debe ser substituída polo deterioro que presenta.
Tal e como explicou, serán retirados tódolos elementos degradados pola exposición á intemperie, garantíndose cos novos elementos a boa conservación da nova cuberta, nunha instalación que se atopa moi próxima ao mar. O proxecto contempla tamén a instalación de iluminación led e novas redes de recollida de augas.
O goberno de Vigo investirá 303.000 euros na renovación completa da cuberta da grada e prevé iniciar a obra ao final do verán estimando 12 semanas de duración. Caballero apuntou que hai dous meses o Concello renovou os vestiarios do campo e, no ano 2019, cambiou o céspede, instalou nova iluminación e unha caldeira de biomasa. A estes investimentos sumou a remodelación da cuberta do pavillón municipal, alcanzando a cifra de 800.000 euros destinados a infraestruturas deportivas en Bouzas.