Escoitar

O Pleno de Vigo urxe á Xunta a ceder ao Concello unha parcela para un novo aparcadoiro gratuíto no Cunqueiro

O Pleno Municipal aprobou hoxe, cos votos a favor dos concelleiros do PSOE e do BNG, dúas mocións presentadas polo grupo socialista para urxir á Xunta a cesión ao Concello dunha parcela para construír o segundo aparcadoiro gratuíto e a poñer en marcha un plan para rebaixar as listas de espera cirúrxicas e de consultas. A Corporación tamén aprobou as dúas mocións dos grupos socialista e nacionalista en apoio da manifestación en defensa da Sanidade Pública convocada para o vindeiro domingo 6 de abril.

luns, 31 mar 2025

A Corporación Municipal de Vigo acordou na sesión plenaria deste martes, co apoio de 19 edís do PSOE e do BNG e a negativa dos 5 do PP, instar ao novo goberno da Xunta e ao novo conselleiro de Sanidade a decretar a gratuidade dos aparcamentos do Hospital Álvaro Cunqueiro e a ceder ao Concello a parcela número 5 do complexo para construír un segundo aparcamento gratuíto para persoal e usuarios do centro.

O voceiro do Goberno, Carlos López Font, tras apuntar que “Vigo é a única cidade de Galicia que se quedou cun hospital privado”, como se constata nos 70 millóns que desembolsa todos os anos a Xunta á empresa concesionaria e reprochar que se optase polo “modelo máis caro” con 470 millóns de sobrecusto, volveu denunciar hoxe os copagos directos para os usuarios que representa o pago dos aparcamentos. “Seguimos pagando polo aparcamento dez anos despois”, asegurou tras afirmar que se trata “dun gran negocio, de cifras astronómicas” para a empresa concesionaria.

Font lembrou que o Concello de Vigo é o “único que construíu un aparcamento gratuíto” tanto para usuarios como para traballadores.

Listas de espera

O Pleno da Corporación tamén aprobou hoxe, con 20 votos a favor dos edís do PSOE e do BNG e a negativa dos 5 representantes do PP, a moción socialista para instar á Xunta a poñer en marcha un plan “sensato”, con obxectivos medibles, para rebaixar as listas de espera das consultas, das probas diagnósticas e de cirurxía. “Un de cada 50 vigueses esperan a ser operados”, recalcou a terceira tenente de alcaldía, Elena Espinosa, ao insistir no déficit de persoal na a área sanitaria de Vigo, así como nos “recortes permanentes” e na falta de transparencia das listas de espera porque non se recollen as negativas dos pacientes para someterse a un proceso cirúrxico nun centro privado e que esperan a unha consulta.

Elena Espinosa denunciou que mentres a cidadanía viguesa sofre atrasos na atención sanitaria e longas listas de espera “a Xunta mira cara a outro lado”.

A tenente de Alcaldía recalcou que o presidente da Xunta incumpriu a súa promesa de rebaixar un 23 por cento a espera media para unha consulta e nun 26 por cento para unha intervención, mentres seguen sen aflorar os datos datos reais. “Estamos peor que en 2023 porque a media de espera para unha consulta son 57,4 días e de 63,8 para unha cirurxía”, afirmou Espinosa. “Os datos demostran que imos cara atrás e que a Xunta non foi capaz de en datos prepandemia”.

Apoio á manifestación de SOS Sanidade Pública

O Pleno aprobou este luns dúas mocións, presentadas polo PSOE e o BNG, en apoio da manifestación convocada o próximo 6 de abril en Santiago de Compostela pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Galicia.

Os corporativos socialistas e nacionalistas denuncian a deficiente xestión sanitaria da Xunta, así como a falta de persoal nos centros de atención primaria e hospitalarios, a sobrecarga de traballo do persoal, que derivan nas listas de espera e no descenso da valoración do servizo por parte da cidadanía.

Descargar todas as imaxes