Vigo dedicará 16 millóns de euros anuais ao Servizo de Axuda no Fogar
A plataforma de contratación do Estado vén de publicar o anuncio previo de contratación do servizo por un importe de 49,5 millóns de euros para un período de tres anos.

O alcalde informou este luns que o goberno municipal procede a licitar o Servizo de Axuda non Fogar para os próximos 3 anos por un importe de 49,5 millóns de euros, con posibilidade de prorrogar dous anos máis, tal e como recolle a plataforma de contratación.
“Cada ano dedicamos ao servizo para a dependencia 16 millóns de euros”, explicou Abel Caballero, cun incremento “notable” do orzamento de case 5 millóns de euros máis respecto ao contrato anterior. “Pasamos de pagar ás traballadoras do servizo 16,7 euros a hora para estar por enriba dos 22 euros a hora”, sinalou.
Con todo, o alcalde denuncia que o Servizo de Axuda no Fogar debe ser financiado “integramente pola Xunta de Galicia, a quen lle demandamos que pague o 100% coas achegas que recibe do Goberno de Espana. Esixímoslle que pague de acordo cos recursos que recibe do goberno central”. Así, engadiu que hai 15 días que o Concello lle remitiu unha carta á conselleira de Política Social por esta cuestión do financiamento do servizo “e a día de hoxe non obtivemos resposta”.