Escoitar

O Auditorio Mar de Vigo acolle as tres únicas representacións en Galicia do musical "Kinky Boots"

O Auditorio Mar de Vigo acollerá o venres 13 e o sábado 14 de decembro as tres únicas e exclusivas representacións do premiado musical “Kinky Boots” que, baseada nunha historia real, conta con 170 cambios de vestiario. O alcalde convida á cidadanía a asistir a un espectáculo que combina “fantasía e realidade” que foi representado en escenarios de Londres, América Latina, Xapón e Australia.

mércores, 4 dec 2024

Abel Caballero destacou este mércores a importante cultura musical que existe en Vigo, con dúas orquestras sinfónicas, nove bandas, ademais de 50 grupos de folk e conservatorios superior e profesional, ao presentar o musical “Kinky Boots”, que se escenificará no Autorio Mar de Vigo durante a fin de semana do 13 e 14 de decembro.

O alcalde incidiu en que o espectáculo musical estreado en Broadway forma parte importante da historia dos musicais. “Todo Vigo aquí, a gozar dunha forma excepcional”, afirmou.

Historia real
O actor Carlos J. Benito, que interpreta a un dos protagonistas da obra, explicou que a obra aborda “valores moi importantes do ser humano, sempre con comedia, contándoo co lado máis divertido da obra”. Apuntou que a representación conta con música de Cindy Lauper. Para o actor Tiago Barbosa, que representou a Simba no musical de “O Rey León”, a función de “Kinky Boots” é “imprescindible porque fala sobre familia, respecto, ser un mesmo e sobre romper os patróns sociais”.

Premios internacionais

Kinky Boots non é só un musical, é un fenómeno cultural. Gañador de 6 premios Tony, incluído Mellor Musical, e nomeado a 13 categorías, tamén obtivo un Grammy ao Mellor Álbum de Teatro Musical, consolidándose como un dos títulos máis relevantes da última década. Con música da lendaria Cyndi Lauper e un libreto de Harvey Fierstein, a obra combina humor, emoción e mensaxes universais sobre a aceptación e a diversidade.

A historia inspírase en feitos reais, relatando a inesperada viaxe de Charlie Price, un mozo que atopa en Lola, unha drag queen chea de creatividade, a inspiración para salvar a fábrica de calzado da súa familia. Xuntos, deseñan unha liña de botas espectaculares que desafían os estereotipos e transforman as súas vidas.

A posta en escena desta produción eleva o espectáculo a un nivel superior: 170 cambios de vestiario, 70 pares de botas icónicas e coreografías cheas de enerxía que encherán cada recuncho do auditorio.

A dirección musical, o coidado no deseño dos detalles e a potencia do elenco fan destas funcións en Vigo unha experiencia irrepetible.

 

Descargar todas as imaxes