Escoitar

Caballero destaca que as obras de remodelación de Samil supoñen unha "transformación histórica en Vigo"

Abel Caballero comprobou hoxe o avance das obras de remodelación do paseo de Samil, que se executan cunha achega de máis de dous millóns de euros do Goberno de España e que permitirán recuperar superficie de praia. "Estamos a facer unha transformación histórica en Vigo”, afirmou.

mércores, 30 out 2024

O alcalde destacou este mércores que a derruba do antigo paseo de Samil servirá para que a praia se amplíe en 25 metros lineais. "Imos ter o dobre de praia, os mesmos servicios e mellores accesos", afirmou.

O proxecto de transformación de Samil inclúe ademais unha nova zona de paseo con 12 metros de ancho, seguida da senda na área forestal actual, e rematará coa rehabilitación da avenida que tamén se está a executar. 

Caballero lembrou que o Goberno de España achega 2.100.000 euros para as obras do paseo, cantidade á que hai que sumar 1.100.000 euros para o proxecto da estrada, aparcamentos e beirarrúas que realizará o Concello.

"Estamos diante dunha obra moi importante", destacou o rexedor ao sinalar que "estamos diante dun fito de recuperación dunha praia marabillosa que imos usar; dun paseo desde o que se ve moitísimo mellor a praia e o mar; e mantendo os servizos da cidade", xa que se conservan as piscinas gratuítas, as pistas de patinaxe ou os campos de fútbol.

O alcalde recalcou que a primeira fase das obras evidenciou que no vello paseo desde Samil á praia de la Fuente había dunas de ata dous metros de alto que se recuperan. Nas súas verbas, esta intervención permitiu saber que o paseo que acaba de ser derruído construíuse sobre unha duna. "Agora vese como era a duna e como quedou a praia polo efecto nocivo dun paseo que era un molote e que impedía a rexeneración dunar”, afirmou.

No verán de 2025 a transformación do principal areal de Vigo estará finalizada. "Imos seguir cunha praia urbana, cos mesmos servizos, máis paseo e mellor aparcamento", afirmou o alcalde.

 

 

 

Descargar todas as imaxes