Escoitar

Abel Caballero: “Autorizamos ao Celta a instalar un novo videomarcador en Balaídos”

O rexedor anunciou que na Xunta de Goberno de hoxe quedou aprobada esta instalación na bancada de Marcador Centenario. Tamén recibiu luz verde a reparación da cuberta do pavillón de Bouzas.

venres, 6 set 2024

O Real Club Celta de Vigo, conta dende hoxe con autorización para a instalación do novo videomarcador con pantalla LED no Estadio Municipal de Balaídos. O alcalde explicou que se “ubicará na confluencia de Marcador Centenario coa bancada de Río, sobre a zona na que está instalada a Unidade de Control Operativo”.

“Trátase dun gran videomarcador, cunhas dimensións de 19 metros de longo e 5 de alto”, avanzou Caballero, para posteriormente sinalar que “é xigantesco e vaise ver moi ben”. Conta cun ángulo de visión horizontal de 160º e “pesa preto das dúas toneladas”. Rematou felicitando ao Celta por esta instalación e salientando que “cumpre sobradamente as esixencias de La Liga, UEFA e FIFA”.

Pavillón de Bouzas

Abel Caballero tamén deu conta hoxe da aprobación da contratación da reparación estrutural da cuberta do pavillón polideportivo de Bouzas, que contará cun presuposto de 86.305€. O alcalde explicou que “se deteriorou moito polo que necesita unha obra importante na cuberta”.

As actuacións executaranse na estrutura de formigón prefabricado, que cobre as pistas polideportivas. Tamén se saneará a estrutura metálica de aceiro laminado ligada ao prefabricado da fachada e do lateral das vigas da cuberta, ademais da reparación e impermeabilización do canelón de recollida de auga.

 

Descargar todas as imaxes