Escoitar

O Concello xa financiou 88 actuacións para mellorar a accesibilidade en edificios residenciais

A Xerencia de Urbanismo aprobará mañá as bases das axudas para mellorar a accesibilidade en edificios residenciais. As comunidades ou grupos de propietarios poderán recibir achegas de ata 3.000 euros para instalar ascensores ou eliminar barreiras arquitectónicas.

luns, 6 mai 2024

O alcalde avanzou a aprobación das achegas para a instalación de ascensores, mellora da accesibilidade e eliminación de barreiras arquitectónicas en edificios residenciais colectivos. O goberno local dará luz verde mañá a convocatoria de axudas que se adxudicarán en réxime de concorrencia competitiva. Cun orzamento de 100.000 euros para dous anos, o importe máximo a subvencionar por edificio residencial colectivo é de 3.000 euros para actuacións realizadas entre o pasado 1 de xaneiro e o 15 de outubro de 2025.

Son as comunidades de propietarios ou os grupos de propietarios os que deben presentar as solicitudes para as seguintes actuacións: ascensores, ramplas, plataformas elevadoras, barandas ou obras que teñan por finalidade salvar os desniveis entre beirarrúas e o portal ou entre o portal e o ascensor. O prazo de presentación de solicitudes estenderase tres meses a partir da publicación da convocatoria no BOP

Desde o ano 2016, o Concello financiou 88 actuacións por importe de 202.000 euros.

Barrio do Cura

O goberno local aprobará mañá de forma definitiva o convenio que compromete á promotora de Barrio do Cura a construír de forma unitaria a vivenda libre e a sometida a algún tipo de protección. Tal e como explicou o rexedor, o Concello venderá á promotora o 10% do aproveitamento municipal do solo - valorado en 758.692 euros – para garantir a construción de vivenda sometida a algún tipo de protección para a venda ou alugueiro.

O convenio recoñece o dereito de realoxo prioritario das persoas ás que se lles expropiou a vivenda. Tamén establece, dixo, que a administración local ten dereito preferente de compra dos pisos de protección se a promotora opta por alugalos.

 

 

Descargar todas as imaxes