Escoitar

O rexedor compromete apoio ao atletismo popular na primeira carreira atlética do ano, "Correndo por Vigo"

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o concelleiro de Deportes, Manel Fernández, presentaron hoxe a primeira edición da carreira popular Correndo por Vigo, que discorrerá este domingo, ás 11:00 horas, por Travesía de Vigo, Jenaro de la Fuente e rúa Aragón. É a primeira "popular" do 2012 na cidade.<br />

martes, 3 xan 2012
1325605983carrera.JPG

Será a primeira vez que unha proba popular toque esta zona e o alcalde felicitouse por que os atletas populares "poidan gozar das humanizacións", en referencia a Travesía e Jenaro de la Fuente, lembrando ademais que a rúa Aragón tamén será humanizada. A organización, Running Solutions, conta co apoio da Concellería de Deportes e o patrocinio do Centro Comercial Travesía, punto de saída e meta para unha carreira que se marca uns 300 participantes pero, dado o furor das carreiras atléticas en 2011, superará esa cifra.

"Esta carreira atrae porque é un circuíto urbano no que por vez primeira faise unha probas destas características; o atletismo popular é unha cultura de vida, unha fórmula de vida saudable e estamos a asistir a un incremento moi importante de participantes", explicou Caballero, que dixo tamén que "o ano pasado, nas once carreiras urbanas que houbo entre as competitivas e as solidarias, contabilizáronse 11.600 participantes" (uns 8.100 nas probas do Circuíto Cidade de Vigo). O rexedor socialista insistiu en que "este goberno local quere fomentar o atletismo popular".

Dende a organización, Paula Román e Carlos Román incidiron no desexo de que a inscrición feminina, que cifran "nun 10 ou 15 por cento para este domingo", creza en vindeiras edicións porque as mulleres aos poucos participan máis", dixo Paula Román, e destacaron a presenza na proba do tres veces olímpico Alejandro Gómez, e doutro clásico como Elías Domínguez; ademais, acode o atleta catalán Jaume Leiva, que quere mínima olímpica para maratón e acaba de gañar a San Silvestre de Barcelona.

A inscrición, vía internet (www.championchipnorte.com) está aberta ata as 23 horas deste mércores (por un prezo de 5 euros) e os participantes poderán retirar o seu dorsal e o seu chip no Centro Comercial Travesía o sábado (de 17 a 20 horas) ou o mesmo domingo (de 9:30 a 10:30), recibindo ademais unha camiseta técnica como recordo. Á hora de ter lugar a rolda de prensa xa había 250 inscritos e inscritas.
Descargar todas as imaxes