Escoitar

A Federación de Pais e Nais de Alumnos esixe á Xunta un novo mapa escolar

En representación de FOANPAS, Regina Ibáñez expuxo ante a Corporación a urxencia de replantexar as zonas escolares e o mapa de adscricións, pois o actual é "obsoleto e inxusto" e discrimina aos centros públicos. Ao remate das intervencións dos grupos, Abel Caballero trasladou o "apoio total" e o "recoñecemento" do goberno vigués á Federación.

mércores, 28 nov 2018
"Hoxe diríxome de novo a vostedes representando a moitas persoas; familias representadas por ANPAS, ANPAS unidas pola súa Federación, Federación unida a outros colectivos e organizacións da nosa cidade.

Hai mais de dous anos que FOANPAS o fixo por vez primeira. Foi en xullo de 2016. Naquela ocasión pedímoslle a este órgano que instara ás Autoridades en materia de Educación a revisar e modificar a zonificación nesta cidade. E pedimos tamén que procurase que esa revisión se producise antes do seguinte proceso de admisión de alumnado.

Chegaramos aquí, naquela ocasión hai máis de dous anos, despois de chamar a todas as portas da Administración Educativa: Inspección, Xefatura Territorial de Educación, Delegación da Xunta en Vigo, Dirección de Centros, Consellería de Educación. Hai xa moito tempo que todas as autoridades coñecen os problemas que orixina un mapa escolar obsoleto e inxusto na nosa cidade.
Lembremos algunha data máis.

O Consello Escolar Municipal emitiu, xa en febreiro de 2012, ante un documento borrador de zonificación elaborado por unha comisión do corpo de Inspección, un informe no que recolle a necesidade da elaboración dun novo mapa escolar e os criterios a ter en conta para facelo e insta á Consellería a considerar tales demandas no proxecto que finalmente presente.

Tamén o Consello Escolar Municipal, en xaneiro de 2015, indica que as novas medidas tomadas na zona de Coia-Navia en materia de adscrición non resolven o problema prantexado, senón que o trasladan de centro e que, por iso, é imprescindible unha visión global e unha análise de todo o mapa escolar da cidade, para ter en conta, ademais, a necesidade de escolarización dunha poboación emerxente. Despois desta data, en marzo de 2016, novo parche, arbitrario, unilateral, inxusto… que nin sequera é implementado e tramitado de acordo á normativa… ilegal.

Hoxe, 28 de novembro de 2018. Máis de dous anos despois da nosa primeira intervención, de novo estamos ante este Pleno. Que aconteceu neste período de tempo?

Só imos referirnos ao máis relevante. Por fin, despois de anos de reivindicación, nos primeiros días de novembro de 2017, se anuncia aos medios de comunicación o inicio dun proceso de elaboración dun novo mapa escolar para a cidade; se recoñece, ante os mesmos medios, a necesidade de acometer este estudo e se enumeran os problemas existentes que pretende resolver. Unha boa nova: este era un proxecto desexado, necesario e demandado durante moito tempo.

Pero a boa nova ensombrece en decembro, cando se coñece o borrador do proxecto. Un borrador que foi presentado pola Xefatura Territorial de Educación aos medios de comunicación; un borrador que foi presentado a algúns colectivos e que tivo o seu período de alegacións. Un borrador que a comunidade educativa rexeitou.

Ese borrador, a día de hoxe, igual que aquel do ano 2012, parece que non existise nunca. Pero existiu. Ese borrador, non chegou a tramitarse. Tras presentar unha proposta de zonificación, rexeitada pola comunidade educativa, a Administración asegurou estar ante un proceso aberto e dinámico, no que nada estaba pechado. Con todo, non fixo movemento algún nos últimos meses. Non enviou a súa proposta, nin ao Concello (que o solicitou a través deste Pleno) nin ao Consello Escolar Municipal, pese ás reiteradas peticións pola súa parte. Non iniciou o proceso de diálogo no seo da Comunidade Educativa, pese á disposición dos distintos colectivos.

En todos estes meses, o silencio foi a resposta da Administración Educativa.

Pero non todo o que hoxe veño a contar é negativo. O certo é que si se produciu un proceso de diálogo, un proceso transparente e dinámico, do que foron partícipes todos os colectivos que se opuxeron a ese borrador que non chegou a tramitarse. Un fito na nosa cidade e, atreveríame a dicir, case en calquera outra. Un grupo de traballo polo que sentir orgullo, formado por membros da comunidade educativa: familias representadas por FOANPAS, organizacións sindicais, estudantes representados tamén polos seus sindicatos, movementos veciñais, case todos os partidos políticos… cidadáns, en definitiva, preocupados polo ensino na nosa cidade. Un gran grupo de traballo, que foi capaz de plasmar por escrito unha reflexión común sobre aquilo que rexeitaba do proxecto presentado, expoñendo as súas causas e sinalando posibles solucións a ter en conta. Un grupo de traballo que expuxo as razóns do seu rexeitamento.

O proceso de diálogo existiu, aínda que non foi liderado pola Administración Educativa, senón polas familias da cidade.

Este grupo de traballo solicitou ás autoridades, o pasado mes de agosto, mediante un escrito presentado por Rexistro, que liderase o proceso de diálogo preciso para o consenso dun novo mapa escolar para Vigo, tarefa urxente e pendente. Esixiulle tamén á Administración que o fixera efectivo nada máis comezar o presente curso escolar 2018/2019, na primeira semana de setembro. Neses primeiros días do mes, pedíuselle que fixera saber ao Consello Escolar Municipal, como máximo órgano consultivo no que están representados os distintos estamentos da comunidade educativa, cando se afrontaría a nova zonificación da cidade e cal sería o calendario do proceso. Preguntas sinxelas, polo tanto, vai acometerse a nova zonificación? Cal é o calendario de implantación previsto para o novo mapa escolar, de ser o caso?

Cal foi a resposta a este escrito? Ningunha; silencio.

Cumprido o prazo, este grupo de traballo fixo chegar ás autoridades educativas, tamén por rexistro, o documento elaborado conxuntamente e que non temos inconveniente en presentalo a quen o desexe coñecer. Xa que o diálogo non se abría, polo menos a Administración podería ter por escrito o que se negaban a escoitar doutro xeito.

Resposta a este novo escrito, presentado tamén por rexistro, que recolle as razóns pola que a comunidade educativa expresou o seu rexeitamento… a mesma: silencio.

Hoxe, novembro de 2018, estamos aquí de novo para expresar o seguinte:
- En primeiro lugar, que a necesidade dun novo mapa escolar para a cidade de Vigo, necesidade recoñecida pola propia Administración Educativa xa hai moitos meses, segue a facerse máis forte co paso do tempo. O mapa escolar vixente, absolutamente obsoleto e inxusto, orixina numerosos problemas na nosa cidade, que levan tempo sen atopar unha solución axeitada. É urxente, polo tanto, o reprantexamento das zonas escolares e o mapa de adscricións. Non se pode demorar máis. Levamos xa moitos anos de demora.
- En segundo lugar, que a nova zonificación ten que achegar xustiza. De ningún modo aceptaremos que se siga discriminando aos centros públicos, tal e como está a acontecer. A nova zonificación ten que chegar xa, corrixir esta discriminación e converterse nun exemplo, non só de equilibrio, senón de ecuanimidade. Non poderá ser doutro xeito.

E dirixímonos ao órgano de máxima representación política da cidadanía para pedirlle que exprese isto con nós e que manifeste o seu apoio publicamente. Para pedirlle que loite ao noso carón na procura dun novo mapa escolar xa. Para lembrarlle que o Consello Escolar Municipal ten a súa importancia na cidade e que ten que ser tido en conta. Porque a resposta da Administración non pode ser o silencio. Porque a Administración ten que facer a súa tarefa.
Agradecemos a ocasión que de novo nos brindan para facer esta petición. Moitas grazas pola súa atención!"