Escoitar

Declaración institucional polo 25 de Novembro

Isabel López, do colectivo Escola de Mulleres Solidarias e no nome do Consello municipal da muller, deu lectura este mércores no Pleno da Corporación a unha declaración institucional polo Día internacional da eliminación da violencia contra a muller.

mércores, 28 nov 2018
"Neste ano 2018, queremos comezar resaltando o aniversario do Consello Municipal das Mulleres, e lembrar que hai 25 anos as mulleres da cidade de Vigo unímonos para loitar en prol da xustiza e da liberdade, non só das mulleres, se non de toda a cidadanía viguesa, porque a igualdade e a loita feminista só dan lugar a unha sociedade máis honesta e íntegra.

Queremos que os obxectivos do propio Consello se manteñan e fortalezan nesta declaración institucional: fortalecer esta canle de interlocución entre a Administración e o tecido asociativo de mulleres, co fin de buscar o maior consenso posible no deseño de políticas contra a violencia machista, consolidar este punto de unión para traballar a través da perspectiva de xénero en todos os plans e proxectos da cidade de Vigo. Mais gustaríanos tamén que estas medidas consensuadas, á parte de consultivas foran tamén vinculantes.

O traballo que persegue o Consello non é outro que o camiño en común para construír unha resposta unitaria ante calquera clase de opresión e inxustiza contra as mulleres, un camiño en común para axuntar obxectivos que fagan que toda a poboación viguesa poida desenvolver a súa identidade independentemente de se son homes ou mulleres. Un camiño para loitar unidas ante a realidade das mulleres viguesas, cuxa situación de empobrecemento e desigualdade seguen a perdurar hoxe en día. Si, foron moitos os pasos que se deron, os pactos políticos, os vínculos entre compañeiras dentro do movemento feminista da cidade... e si, é moi gratificante o camiño onde o traballo en común dá lugar a unha sociedade viguesa máis igualitaria e máis xusta, pero a realidade actual esixe que esta loita siga sendo prioritaria, tanto para nós como sociedade como para a clase política. Dende o Consello queremos recuperar o 25 de novembro, día internacional contra as violencias machistas, como unha data de denuncia.

Unha data na que denunciar neste pleno que non é certo que xa vivamos nunha sociedade xusta e libre. Como pode afirmarse en determinados ámbitos que xa somos persoas en igualdade de trato? De trato para quen? Onde? A nivel social? Político? Xudicial?

As capacidades e coñecementos necesarios para previr e responder eficazmente fronte á violencia de xénero son frecuentemente limitados.

Esta situación agrávase cando existe unha alta rotación de persoal, que expón desafíos adicionais para lograr reter un cadro de persoas experimentadas e capacitadas.

A abordaxe da violencia contra as mulleres e nenas necesita unha aproximación multisectorial, debendo incluír polo menos os sectores sociais, legais, educativos, de seguridade e saúde, así como outros sectores claves como o laboral, de migración e planificación urbana, entre outros.

Os recursos é pouco probable que sexan integrais, posiblemente porque se enfocan nun ou nuns cantos sectores e carecen de capacidades para realizar accións de coordinación necesarias. Ademais, os enfoques existentes poden non chegar a grupos especialmente vulnerables ou en situación de risco, tales como nenas, adolescentes e mulleres do ámbito rural, migrantes ou outros grupos de mulleres dentro da poboación, para quen os esforzos de cobertura dirixidos a grupos xa establecidos serían insuficientes.

Tamén é moi limitada a existencia de programas de prevención primaria, como resultado dunha escaseza de investimento nesta área e o feito de que a maioría de intervencións se enfocaron en apoiar ás vítimas logo de que o abuso xa ocorreu. En moitas ocasións os medios de comunicación propagan as noticias sobre violencia de tal xeito que lle dan pulo aos agresores e reforzan as ideas machistas.

A violencia cara ás mulleres, exercida sistematicamente polo seu agresor, cumpre todos os requisitos para ser cualificada como tortura. Do mesmo xeito que a tortura tradicional, a violencia cara á muller crea debilidade nas vítimas a través das agresións constantes, a privación sensorial e, nalgún caso, alimenticia, e o illamento. Ademais, igual que a tortura, converte á vítima illada e sometida pola violencia nun ser dependente do agresor; e do mesmo xeito que a tortura, a violencia machista provoca un estado permanente de terror nas mulleres que a padecen.

Porque este ano foi terrible para as mulleres. Casos como os de Juana Rivas, aínda sen rematar, no que segue intentando exercer os seus dereitos, recollidos nas leis, pero que comprobamos que non se poden executar con todas as garantías.

Crianzas asasinadas como se foran seres invisibles, invisibles para os tribunais que seguen amparando o dereito dos pais que finxen ser pais, en vez de defender o dereito das crianzas a medrar con seguridade e defender o seu dereito a ser.

Casos como os da "manada", onde a dor, a rabia, pero tamén a valentía de todas as mulleres se uniu. Toda a sociedade puido contemplar a violencia institucional e social que se exerce contra nós, contra os nosos corpos, contra a nosa dignidade... porque este caso foi a voz que fixo público o amparo social ás violencias diarias coas que nos atopamos en todos os ámbitos das nosas vidas. Violencias no seo familiar, violacións dentro das relacións de parella, violacións dos nosos dereitos nos xulgados do Estado Español. Dende o movemento feminista non podíamos crer que se chegara a tal punto no que publicamente se menosprezara, denigrara e se inxuriara de tal xeito ás mulleres, e todo amparado por un tribunal misóxino. A inxustiza da xustiza, no que as penas a maltratadores e violadores son mínimas e as medidas de protección son ineficaces, mentres que as que si sofren represalias son as mulleres que denuncian e as persoas que as apoian. Ridiculizadas ante os tribunais de xustiza. Incrible! Incrible que se atreveran publicamente a esa falta de apoio institucional.

Por iso sabemos que en moitas ocasións só contamos con nós, e que moitas loitas que criamos gañadas son papel mollado. Mais coma sempre sucede, as inxustizas nos fortalecen. Deunos forza para poder seguir máis unidas que nunca, e así puidemos asistir a un 8 de marzo onde o poder que temos tamén se viu reflectido. Porque a violencia institucional e social non vai poder con nós.

Porque somos quen de deter a violencia de xénero se comezamos a camiñar todas e todos dende os feminismos, e espallamos a perspectiva de xénero a todas as nosas iniciativas, tanto na sociedade da que formamos parte como nas relacións que establecemos na nosa vida privada. Porque aínda é necesario manifestar que o persoal é político, e que temos que levar a xustiza e a liberdade non só á realidade social se non tamén á nosa intimidade. Se non damos exemplo coa nosa actitude soamente seremos o reflexo do que criticamos. Potenciaremos sociedades ególatras, cómplices dos sistemas que individualizan e impiden a liberdade para ser. Dende o feminismo evocamos e creamos sociedades que non vaian en contra da nosa natureza, que non vaian en contra da verdadeira razón da existencia da humanidade que é a propia humanidade. A natureza dos feminismos non é outra que a liberdade para ser o que decidamos ser e a xustiza para poder vivilo.

É TEMPO DE SOLUCIÓNS, desde o Consello Municipal das Mulleres e desde as asociacións que o compoñen, queremos consolidar un gran acordo contra a violencia machista que ofrecemos a todas as forzas políticas. Co fin de garantir unha resposta efectiva ás mulleres, XA ABONDA DE VIOLENCIA. Centos de mulleres viven día a día o acoso, as torturas... unha persoa non pode vivir aterrorizada.
Debemos conseguir un clima de conciencia colectiva. Non podemos manternos en silencio, temos que loitar contra a impunidade do agresor e loitar para que as mulleres non teman saír dos xulgados máis agredidas.

E debemos crer que somos quen de deter a violencia machista, aínda que non toda a sociedade queira facelo. Porque cada vez somos máis mulleres as que poñemos a nosa enerxía noutras mulleres, para defendernos pero tamén para cambiar o mundo. Aliémonos".