Escoitar

Santi Domínguez presenta o congreso de Cirurxía Laparoscópica que reunirá en maio a 500 especialistas en Vigo

O tenente de alcalde e concelleiro de Turismo, Santi Domínguez, presentou este mércores o X Congreso de Cirurxía Laparoscópica, que se celebrará os días 4, 5 e 6 de maio nos centros social e cultural de Novacaixagalicia coa participación de 150 ponentes e máis de 500 especialistas. O tenente de alcalde destacou que se trata dun dos 9 congresos xa pechados para 2011, que traerán a Vigo máis de 8.000 persoas e un retorno económico superior aos 7 millóns de euros.

mércores, 26 xan 2011
1296049611Congreso.JPG
"O traballo que estamos a desenvolver dende o Vigo Convention Bureau continúa e da seus froitos no obxectivo de acadar que nosa cidade sexa sede de congresos e a desestacionalización do turismo", afirmou Santi Domínguez na presentación, na que tamén participaron o doutor Enrique Toscano, presidente do comité organizador, e Manuel Fernández, director da empresa organizadora do congreso.

O tenente de alcalde destacou que o traballo que se está levando a cabo tamén procura acadar que Vigo sexa referente no turismo de negocios. Resaltou a importancia do retorno económico que deixa na cidade a organización deste tipo de eventos. "Isto é bo para os sectores relacionados co turismo e o comercio, especialmente nesta época tan complicada", manifestou.

Respecto ao congreso de Cirurxía Laparoscópica, Santi Domínguez afirmou que esta cita servirá para que Vigo sexa "referente nesta técnica médica". A este reto contribúe o feito de que Ernesto Toscano, ademais de presidente do comité organizador desenvolver seu traballo no servizo de Cirurxía Laparoscópica de Povisa.

Na súa intervención, Ernesto Toscano explicou que a elección de Vigo como sede do décimo congreso foi tomada pola Sociedade Española de Cirurxía Laparoscópica na súa anterior cita celebrada en Valencia. Asegurou que nesta decisión influíu "Vigo como valor engadido" e que para el é "unha honra que escolleran a cidade, pero tamén un reto".

O doutor Toscano destacou que o congreso servirá para poñer de relevo as vantaxes que supón a laparoscopia, como técnica alternativa á cirurxía aberta, así como de plataforma para presentar técnicas emerxentes. Sinalou que se celebrarán mesas comúns de diversas especialidades, como cirurxía pediátrica, xinecoloxía, uroloxía, cirurxía torácica, e enfermería.

"Debémoslle ao doutor Toscano que veña a Vigo este congreso", indicou Manuel Fernández. O organizador do evento salientou a traxectoria profesional de Ernesto Toscano e expresou a súa satisfacción por que Vigo acolla un congreso destas características, tanto pola súa importancia como polo número de participantes previstos.
Descargar todas as imaxes