Escoitar

Xesus López anuncia unha nova etapa no "Vigo a escena" 2010, ao incluir as compañías de teatro afeccionadas

O concelleiro de Cultura, Xesus López, anunciou este mércores que o programa "Vigo a escena" comeza unha nova etapa o vindeiro ano, xa que este circuito teatral municipal incluirá tamén as actuacións das compañías de teatro afeccionadas, ademais das profesionais. O edil nacionalista explicou que para acadar este obxectivo, e como novidade, a convocatoria para participar se fará pública o vindeiro venres e haberá 15 días naturais para cursar a solicitude.

mércores, 2 dec 2009
1259759474vigoaescena.jpg
Xesus López salientou que o programa "Vigo a escena" leva o teatro a todos os barrios e parroquias de Vigo, dando a coñecer o traballo das compañías viguesas. "Para a convocatoria do 2010 queremos prestar especial atención ás compañías de teatro afeccionadas, ademais das profesionais". O concelleiro de Cultura, por outra banda, expresou os seus parabéns ao director do programa, Xerome Calero, "polo seu traballo continuado durante tantos anos".

Xerome Calero explicou a necesidade de regular as bases de participación no "Vigo a escena", establecendo unhas normas e uns criterios públicos que teñen en contan as características propias das compañías teatrais e dos espazos cos que conta a cidade para levar a cabo as representacións. "Quero felicitar ao concelleiro de Cultura porque por primeira vez existe vontade política de dar paso ás compañías de teatro afeccionadas", salientou. Neste sentido indicou que nas convocatorias pasadas estas agrupación non podían participar no circuito teatral por "cuestións legais".

"A Concellería de Cultura da un gran paso adiante no apoio ao teatro de base", salientou o director do "Vigo a escena". Asemade, indicou que esta convovatoria servirá tamén para regular a participación das asociacións culturais e veciñais neste circuito teatral xa que "pretendemos adecuar cada espectáculo ao seu espazo máis acaído".
Descargar todas as imaxes