Escoitar

Vigo celebra o Día Mundial da Discapacidade

A concellería de Benestar Social organiza o día 3 de decembro varias actividades de sensibilización con motivo do Día Mundial de Discapacidade. O acto central terá lugar ás 12:30 horas diante do Museo MARCO onde se procederá á lectura dun manifesto. A actividade forma parte dunha campaña de sensibilización para facer que Vigo sexa unha cidade máis accesible para as persoas con discapacidade.

mércores, 2 dec 2009
1259761573accesible.jpg
O acto central do Día Mundial da Discapacidade, se celebrará o 3 de decembro diante do Marco, en horario de 10 a 18 horas. Terán lugar diversas actividades en cadeiras de rodas e con antifaces, "para que os transeúntes poidan participar". Ás 12.30 horas está prevista a lectura do manifesto e un paseo en cadeira de rodas de tres persoas coñecidas, co obxectivo de que "comproben a dificultades que supoñen as barreiras arquitectónicas e as facilidades nos lugares nos que xa están eliminadas".

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, e a concelleira de Benestar Social, María Méndez, presentaron recentemente a campaña de sensibilización para facer que Vigo sexa unha cidade máis accesible para as persoas con discapacidade. A iniciativa, que se enmarca na conmemoración do Día Mundial da Discapacidade o 3 de decembro, desenvolverá actuacións dirixidas tanto á poboación en xeral, como aos centros de ensino secundario e ao persoal do Concello de Vigo, co obxectivo de que todos os proxectos municipais teñan en conta os criterios de accesibilidade.

O tenente de alcalde salientou que Vigo é a cidade de todo o estado español que máis ten investido do Plan E para eliminar as barreiras arquitectónicas, ao destinar máis de 2 millóns de euros nesta liña de traballo. Neste sentido expresou a súa satisfacción polo traballo desenvolvido pola Concellería de Benestar Social na aposta pola igualdade de oportunidades. "Non hai parangón dende a vida democrática do Concello de Vigo que se tomara tan en serio a eliminación de barreiras arquitectónicas", manifestou a este respecto.

Santi Domínguez fixo fincapé en que "non so hai que acabar coas barreiras físicas, tamén hai que eliminar as barreiras mentais". Por iso, destacou que é preciso seguir afondando para que toda a cidadanía entenda e se solidarice coas persoas que teñen algunha dificultade. "Queremos fomentar actitudes positivas cara a eliminación das barreiras arquitectónicas", dixo. Ao respecto puxo como exemplo que cando se ocupan as prazas de aparcamento destinadas ás persoas minusválidas é preciso ser conscientes de que "se lles fai a vida moi difícil".

A concelleira de Benestar Social, María Méndez, salientou que a campaña de sensibilización quere dar a coñecer á cidadanía "a importancia que ten que a accesibilidade sexa universal". Segundo a edil, trátase de "abrir as mentes" para que todas as persoas coñezan polo miúdo as dificultades que poden atopar as persoas con discapacidade nunha cidade como a nosa.

María Méndez salientou que a campaña tamén pretende "facilitar a autonomía persoal" e concordou con Santi Domínguez na necesidade de fomentar actitudes positivas cara a eliminación de barreiras arquitectónicas. Neste caso citou o exemplo da apertura de novos locais comerciais e a concienciación dos seus donos de instalar rampas de acceso e non escaleiras. Explicou que a campaña desenvolverá actuacións dirixidas á poboación en xeral, coa edición de 5.000 dípticos informativos nos que se sinalan "10 formas de facer Vigo máis accesible" e a participación das propias persoas con discapacidade nas cuñas que se emitan por radio.

Respecto ás iniciativas que se desenvolerán nos centros educativos neste fin de 2009 e comezo de 2010, a concelleira de Benestar Social explicou que se seleccionaron 10 centros nos que se imparte ensino secundario nos que se impartirán charlas de 50 minutos e nos que se distribuirá o material correspondente. Finalmente, no Concello de Vigo a iniciativa ten o obxectivo de que todos os proxectos conten cos criterios de accesibilidade, para o cal se están desenvolvendo charlas informativas.
Descargar todas as imaxes