Escoitar

As mulleres desempregadas, destinatarias dun programa de formación e emprego

mércores, 26 set 2001
imx595.jpg
A Concellería de Desenvolvemento Local e Emprego solicitará ó Fondo Social Europeo unha subvención para desenvolver un programa de formación e emprego para a atención ós colectivos con especiais dificultades como as persoas maiores e a infancia. O programa co nome ” ASISTE” tería unha duración de 12 meses.

Esta axuda económica, da convocatoria ” Subvención Global”, consistiría nun 70% de custo total do proxecto, asumindo o Concello de Vigo o 30 % restante. A Comisión de Goberno decidiu aprobar o proxecto e asumir, de cara á elaboración dos orzamentos do próximo ano, as obrigas económicas derivadas da execución do mesmo.

O proxecto ASISTE, que conta coa colaboración da Concellería de Benestar Social, cumprirá un dobre obxectivo: formación para a inserción laboral de desempregados e atención social.

Na vertente de formación capacitará principalmente a mulleres desempregadas, de máis de 45 anos e menos de 25 e con baixa formación, no sector de atención domiciliaria de persoas maiores e nenos e nenas. No eido social reforzará os servicios que na actualidade se prestan a estes colectivos. Calcúlase que 200 persoas reciban formación e que se beneficien 500 persoas coa atención domiciliaria.

O proxecto ASISTE, que ten un custo total de 146 millóns de pesetas, involucrará a empresas privadas, entidades sociais e diferentes organismos públicos na execución da fase das prácticas profesionais.

A participación do Concello de Vigo na ” Subvención Global” do Fondo Social Europeo cumpre cun dos obxectivos do Plan Municipal de Emprego 2002-2003 de presentar novos proxectos ás novas iniciativas comunitarias relacionadas co emprego.

Descargar todas as imaxes