Escoitar

Vigo desenvolverá o programa Ciberlingua con outras cidades galegas

mércores, 26 set 2001
imx594.jpg
Logo do Día Europeo das Linguas
Na celebración do Día Europeo das Linguas, o alcalde de Vigo asinou hoxe o convenio de colaboración para realizar o programa Ciberlingua xunto cos alcaldes de Santiago de Compostela, Pontevedra, Lugo e Ferrol, representantes da Confederación Intersindical Galega do Ensino, da Asociación Socio-Pedagóxica Galega e do Instituto para o Desenvolvemento de Software en galego-Galego 21.

Ciberlingua é un programa totalmente innovador de dinamización lingüística no ámbito socioeducativo baseado no coñecemento e difusión do emprego de Internet e dos recursos que ofrece en galego. Este programa pretende popularizar, desde o noso idioma, o uso das tecnoloxías da información e da comunicación nas comunidades educativas das cinco cidades a través de actuacións básicas.

O convenio asinado establece que o programa se vai realizar durante o curso 2001-02. A partir de obradoiros destinados ó profesorado e de sesións guiadas destinadas ó alumnado de secundaria, xunto coa publicación dun manual, dunha guía de recursos e dun paquete de programas e aplicacións en galego, procurarase achegar o emprego da rede ó ámbito educativo de maneira atractiva e creativa. As actividades desenvolveranse en centros de ensino e tamén nos cibers, espacios habituais de acceso á rede por parte da mocidade, de xeito que se estableza unha comunicación entre o medio escolar e o ámbito social. O obxectivo final deste proxecto é contribuír desde a comunidade escolar á creación dun espacio galego e en galego na rede.

O custo total do proxecto é de case 12 millóns de pesetas, que financiarán os concellos con cargo ós seus orzamentos. É de destacar que, por primeira vez, desde as eleccións democráticas de 1979 os concellos de cinco cidades asinan unha actuación conxunta en torno a un valor tan importante como a lingua galega. Así mesmo, cómpre resaltar a colaboración entre administración e entidades socioeducativas nun proxecto de promoción do uso da lingua e difusión das tecnoloxías da comunicación, acurtando o desfase escola-sociedade na procura de que o ensino público xogue un papel equilibrador no acceso a estas novas tecnoloxías.

Máis información
Descargar todas as imaxes