Escoitar

Vigo é a cidade elixida para acoller o Campionato do Mundo de Powerboat P1 do 12 ao 14 de setembro

Vigo é a cidade escollida para ser a anfitriona dunha das probas do Campionato do Mundo de Powerboat P1 entre os días 12 e 14 de setembro deste ano, fronte a outras cidades españolas como Barcelona e Valencia, segundo anunciou este xoves o tenente de alcalde, Santiago Domínguez.

xoves, 10 xan 2008
1199973689powerboat1.jpg
"Trátase dun evento de grande importancia para a cidade, non só dende o punto de vista deportivo, senón tamén dende o ámbito económico e de promoción turística da cidade", salientou Santiago Domínguez, quen sinalou que este evento demostrará unha vez máis a capacidade organizativa da cidade. O tenente de alcalde, tras meses de xestións coa entidade organizadora, Gestión de Empresas Powerboat P1, subliñou que se trata dun evento que move arredor de 800 persoas só relacionadas coa organización, polo que boa parte dos hoteis da cidade xa teñen feitas as reservas para esas datas.

Na competición participarán 35 embarcacións, 12 máis que no campionato do 2007, polo que a organización estuda a posibilidade de facer dúas mangas e polo tanto desdobrar a competición. Este número de embarcacións competindo supón que a Vigo chegarán arredor de 90 competidores do máis alto nivel. Entre eles figuran grandes empresarios e persoas coñecidas dos máis diversos ámbitos procedentes de diversos países, como James Sheppard e Miles Jennings (Reino Unido), Hannes Bohinc (Australia), Max Ferrari (Italia), Enmanuelle Filiberto di Savoia (Principe de Venecia e Piamonte), Frank Hemealer e Kurt Prüfert (Alemania) e Andreas Halkiopoulos (Grecia), entre outros.

Ademais de supor un forte impulso ao sector naval e turístico de Vigo e do sur da provincia de Pontevedra, o evento implica, ademais, un grande impacto mediático, posto que será retransmitido por máis de trinta canles internacionais de televisión a arredor de cen millóns de espectadores.
1199973689powerboat1.jpg
1199973705powerboat2.jpg
Descargar todas as imaxes