Escoitar

Oito seleccións disputarán este sábado o Gran Premio Internacional de Judo "Cidade de Vigo"

O XII Gran Premio Internacional de Judo "Cidade de Vigo" disputarase este sábado no Pavillón Municipal de Coia coa participación de tres seleccións nacionais e catro autonómicas. Galicia estará presente através de dúas seleccións para suplir a ausencia de Italia.

xoves, 8 nov 2007
1194530398iudo081107.jpg
Este trofeo, que organiza a Federación Galega de Judo, deu un salto cualitativo e cuantitativo coa organización do Campionato de España Absoluto en Vigo en 2001 e coa súa transformación en Gran Premio Internacional en 2002. Segundo explicou o presidente da Federación, Mario Muzas, este xoves durante a presentación do campionato, "a nosa ilusión é que se poida seguir consolidando e crecendo" como un referente do judo nacional e internacional.

Ao igual que o ano pasado e dado o éxito e a aceptación por parte dos competidores e do público, a competición será por seleccións mixtas. A organización decidiu que as categorías coas que contará a competición sexan aquelas nas que Galicia ten judokas clasificados dentro do ránking nacional e/ou internacional. Son as de -52 e +78 Kg en mulleres e –66, -73 e –81 Kg en homes.

O número de seleccións limitouse a oito para axilizar, amenizar e dar a máxima calidade ao público, dado que só se pode participar no campionato por invitación persoal.

A competición desenvolverase na súa totalidade o sábado no Pavillón Municipal de Coia, onde se instalarán tres tatamis oficiais de competición para as eliminatorias e un tatami para as finais. Os combates, a catro minutos, rexeranse polo regulamento da Federación Internacional de Judo.

As eliminatorias comezarán ás 17.30 horas, encadrándose os oito equipos en dúas ligas de catro. Os dous primeiros clasificados de cada unha cruzaranse nas semifinais a partir das 19.30. A final disputarase ás 20.00 horas.

O concelleiro de Deportes, Xabier Alonso, celebrou a consolidación desta cita deportiva e mostrou o seu desexo de que "a xente goce dunha tarde de judo con calidade".

O Gran Premio Internacional de Judo "Cidade de Vigo" conta co patrocinio do Concello de Vigo, a Deputación de Pontevedra e a Dirección Xeral para o Deporte.
Descargar todas as imaxes