Escoitar

O CITIC acolle en novembro dúas xornadas sobre poboación en risco de exclusión e mulleres inmigrantes

A Universidade de Vigo, coa colaboración da Concellería de Igualdade, organiza no mes de novembro no CITIC (r/ San Vicente, 3) dúas xornadas formativas sobre intervención social con poboación en risco de exclusión social e con mulleres inmigrantes, dentro do módulo "Cidadanía, Dereitos Civís e Violencia" do Programa Oficial de Posgrao en Estudos de Xénero.

xoves, 8 nov 2007
A xornada "Intervención social con poboación en risco de exclusión social desde a perspectiva de xénero" será impartida por María Teresa Yebes, profesora titular do Departamento de Traballo Social e Servizos Sociais da Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Valencia, o venres 16 de novembro de 16.00 a 21.00 horas e o sábado 17 de 10.00 a 14.00 horas.

A outra xornada, titulada "As mulleres no proceso migratorio. Intervención social con mulleres inmigrantes" será impartida por Montserrat Golías, licenciada en Socioloxía e membro do Equipo de Investigación sobre Socioloxía das Migracións (ESOMI) da Universidade da Coruña, o xoves 22 e venres 23 de novembro de 16.00 a 21.00 horas.

As xornadas, que terán lugar no edificio CITIC, van dirixidas especialmente a colectivos que traballan con mulleres, profesionais que traballan no campo dos servizos sociais e asociacións de axuda ás mulleres inmigrantes.

As persoas interesadas en participar deberán realizar unha inscrición previa antes do 15 de novembro mediante correo electrónico (ofi.muller@vigo.org) ou fax (986 430 082), indicando o nome completo, enderezo, teléfono e correo electrónico, engadindo ademais se está interesada ou interesado en asistir ás dúas xornadas ou só a unha delas. A Concellería de Igualdade ofrece 50 prazas gratuítas para asistir a estas xornadas, e todas as persoas que participen recibirán un diploma acreditativo.

A colaboración da Concellería de Igualdade e da Universidade de Vigo enmárcase nun convenio polo que o Concello financia o Programa Oficial de Posgrao de Estudos de Xénero con 6.000 euros e facilita ao alumnado do posgrao a realización das prácticas nos servizos municipais de Igualdade.