Escoitar

Mirella Freni: o concerto dunha gran diva no Festival Are-More

mércores, 14 nov 2001
imx786.jpg
O Festival ARE MORE vístese totalmente de luxo para asistir ó concerto que ofrecerá a gran diva Mirella Freni, unha das máis grandes voces do panorama mundial na actualidade, o venres, 16 de novembro no Cine Fraga-Caixa Galicia. Freni acadou tal grao de popularidade e esperta tantas paixóns entre os entendidos que conta, igual que os grandes ídolos do bel canto, cunha corte de incondicionais que a seguen a case tódolos escenarios nos que actúa.

Como exemplo chega sinala-la reserva de localidades que recibiu a organización de ARE MORE en canto se fixo público o programa do festival e se soubo, oficialmente, que Mirella Freni estaba incluída no cartel desta edición. Serán moitos os seguidores da artista que se desprazarán a propósito dende Italia ata Vigo para asistir ó concerto da diva.

A fama de Mirella Freni non é gratuíta, senón que se labrou ó longo dunha amplísima carreira musical, que se iniciou co seu debut o 3 de febreiro de 1955, no Teatro Comunale de Módena, e tres anos máis tarde rubricouse coa súa primeira interpretación de La Bohème no Teatro Duse de Boloña. Dende o comezo da súa traxectoria artística decantouse polas obras de Mozart, acadando gran fama mundial con algúns dos seus personaxes, sobre todo Zerlina e Susana.

Outra das inquietudes da cantante foi a recuperación, para o seu repertorio, de pezas pouco coñecidas ou esquecidas da ópera barroca italiana.

O ano 1963 foi decisivo na carreira de Mirella Freni, xa que se produciu o encontro musical co director Herbert Von Karajan, na interpretación de La Bohème en La Scala. Karajan atopou nela á soprano ideal para os seus concertos de ópera italiana e estableceuse entre eles unha cooperación que se prolongou ata ben entrada a década dos anos oitenta.

Ente as interpretacións memorables de ambos artistas atópanse Desdémona en Otello, Elisabetta en Don Carlo, Aida, e a Misa de Réquiem de Verdi.

A partir da década dos setenta, a cantante comezou a abordar papeis dun peso vocal máis importante. Ata entón dedicárase sobre todo á lírica. Pero dende ese momento deu o salto e realizou Aida –da que fixo unha versión apartada dos canons tradicionais do personaxe, en colaboración con Karajan–, Desdémona, Amelia, etcétera. A evolución iniciada entón continuou na década dos oitenta, con papeis moito máis dramáticos, como Manon Lescaut e Adriana Lecouvreur. Ademais incluiu no seu repertorio personaxes que nada tiñan que ver co que fixera ata esa época: Tatiana en Eugène Onieguin, Lisa na Dama das Camelias, as dúas grandes heroínas de Tchaikovsky. Os seus dous últimos papeis foron compostos por Umberto Giordano: Fedora e Madame Sans-Gêne.

Acompañando a Mirella Freni estará no concerto de ARE MORE o pianista RONALD SCHNEIDER. Realiza recitais de Lieder por toda Europa, acompañando ós seguintes cantantes: Agnes Baltsa, Cheryl Studer, Leila Cuberli, Mirella Freni, Gwyneth Jones, Eva Marton, Gabriela Benacková, Sharon Sweet, Federica von Stade, José Carreras, Renato Bruson, Ruggero Raimondi, Nicolai Ghiaurov, Anatoli Kotscherga, Rainer Trost, etc.

O concerto de Mirella Freni en Vigo mostrará un amplo repertorio, tanto das pezas que interpretou nos primeiros anos da súa carreira, caso de Verdi, como outras da súa máis recente achega, como a aria de Xoana de Arco de Tchaikosvky. Un concerto que recibiu o título de “Noite de Gala”, tanto polo seu contido como pola calidade de interpretación da gran diva Mirella Freni.


BIOGRAFÍAS

PROGRAMAS

Descargar todas as imaxes