Escoitar

O Triatlón Cidade de Vigo celebra este sábado a súa 21ª edición

O Triatlón Cidade de Vigo, cuarta proba puntuable do Campionato Galego, celebra este sábado 8 de setembro a súa 21ª edición coa participación de 165 triatletas pertencentes a 15 clubes de Galicia, dous de Portugal e un de Madrid.

venres, 7 set 2007
1189164656triatlon070907.jpg
O concelleiro de Deportes, Xabier Alonso, e o presidente da Federación Galega, Xerado Davila, presentaron esta proba
A competición, organizada polo Cronotec-Club Triathlon Vigo coa colaboración do Concello e a Federación Galega de Triatlón, terá o seu centro neurálxico, como nos seis últimos anos, na praia de Bouzas, situándose a área de transición e meta na explanada diante da praia. A proba é de distancia ‘sprint’, isto é, 750 metros de natación, 20 kilómetros de ciclismo e cinco kilómetros de carreira a pé.

Os triatletas sairán desde a praia de Bouzas nadando en liña recta ata unha boia situada detrás dos piares da ponte de circunvalación para xirar ata outra colocada a 100 metros, onde virarán para dirixirse novamente en liña recta ata a praia.

A seguir, e sen que os participantes se deteñan, iniciarase o segundo sector, con 20 kilómetros de percorrido en bicicleta, divididos en catro voltas de cinco kilómetros a un circuíto que transcorrerá desde os boxes de Bouzas e a rotonda de Ricardo Mella pola circunvalación de Bouzas-Castrelos, que con motivo deste evento permanecerá pechada ao tráfico das 17.30 ás 18.30 horas. Desde o Club Triathlon Vigo sinalan que este circuíto é moi enganoso porque a pesar de ser moi rápido pola anchura e o estado do firme conta con dúas subidas en cada volta que a fan bastante dura.

Despois do ciclismo virá a carreira a pé, con dúas voltas polo paseo marítimo de Bouzas ata completar unha distancia de cinco kilómetros. O percorrido desta carreira a pé será totalmente chan, polo que se espera que esta parte da proba sexa moi rápida.

Os primeiros participantes chegarán á meta nun tempo aproximado dunha hora e os máis rezagados tardarán media hora máis. Deste xeito, o fin da competición está previsto para as 19.00 horas. Inmediatamente despois terá lugar a entrega de trofeos.

Entre os principais candidatos ao triunfo final están os triatletas internacionais David Castro, Freire Sixto e Óscar Vicente, do Fluvial de Lugo; os tamén internacionais Javier Nercellas e Alberto Trillo, do Bricosa de Santiago; Antonio Rivas, do Carballo; Manuel Gayoso, do Muralla de Lugo, e Alfredo Trincado, do Cronotec-Club Triathlon Vigo.

Na categoría feminina, espérase que a proba se decida entre Saleta Castro (campiona de España júnior) e Aida Valiño (sétima clasificada no pasado Europeo), ambas as dúas do Fluvial de Lugo; María Martínez, do Cronotec-Club Triathlon Vigo; Guadalupe Moreno, do Triatlón Ourense, e Sara Velo, do Carballo.

Máis información nas páxinas web da federacións galega e española de triatlón (www.fegatri.org e www.triatlon.org).
Descargar todas as imaxes