Escoitar

O Goberno local comprométese a encontrar en 20 días terreos para un novo centro de atención primaria

O Goberno local comprometeuse ante responsables da Consellería de Sanidade a encontrar no prazo de 20 días terreos para un novo centro de atención primaria en Vigo, dos catro que se contemplan actualmente: O Calvario, Seara, Balaídos e contorno da Estación de Ferrocarril.

venres, 24 ago 2007
1187963341atencion240807.jpg
Na base desta urxencia, segundo asegurou este venres o alcalde, Abel Caballero, está a vontade do Concello de non esperar á aprobación do Plan Xeral de Ordenación Municipal para pór a disposición da Consellería os terreos onde se situaría o novo centro de atención primaria. Deste xeito, Concello e Xunta pretenden contar canto antes cun novo centro sanitario con capacidade para atender unhas 10.000 persoas, e que estaría dotado de entre sete e dez médicos.

Caballero explicou que a creación deste centro forma parte dun plan de actuación conxunta entre as administracións local e autonómica "para alcanzar os niveis de atención primaria estándar que propón o Goberno de Galicia". Actualmente, indicou o alcalde, "a situación sanitaria da área de Vigo necesita dunha mellora, especialmente en atención primaria".

Neste sentido, Caballero lembrou que a relación de médicos por habitantes en Vigo é de aproximadamente 1 por 1.500 e sinalou que se necesitan 39 novos médicos de familia, sete pediatras e 77 enfermeiros para adecuar esta cifra ás demandas da Consellería de Sanidade.

Como parte deste labor, o Concello e a Xunta seguen dando pasos para a posta en funcionamento de senllos centros de atención primaria en Navia e Bouzas. O centro de Navia contará con 17 médicos de familia, tres pediatras e 17 enfermeiros para atender unha poboación de 20.000 persoas. Actualmente estase redactando o proxecto de execución deste centro. O de Bouzas, pola súa parte, terá sete médicos de familia, un pediatra e oito enfermeiros para atender, nunha primeira fase soamente de mañá, unha poboación de 10.000 persoas. A cesión dos terreos deste novo centro á Xunta xa está asinada polo Concello.
Descargar todas as imaxes