Escoitar

O MARCO, unha alternativa máis para o verán

Diferentes actividades permanecen no programa de verán do Marco e non rematarán até finalizado o verán. Algunhas delas mesmo se poderán visitar en outubro.

venres, 24 ago 2007
1187949891marcomarco.jpg
No primeiro andar do museo pódese visitar a exposición "DOPPELGÄNGER. O dobre da realidade", que trata sobre o problema do rexistro da realidade dende diferentes puntos de vista, así como da substitución do acontecemento "real" mediante a súa deformación. Por outra banda, "Retratos doutro século", tamén no primeiro andar, é unha exposición que recolle unha selección de fondos da Colección Fotográfica do Concello que permite analizar algúns dos momentos clave da historia da fotografía. Ambas exposicións poderán visitarse durante todo o verán no Marco. A primeira até o 1 de outubro e a segunda até o 9 de setembro.

Na planta baixa, o MARCO recolle a exposición de Carlos Rial, un proxecto onde o artista investiga o significado das intervencións site-specific no contexto museístico, que se clausura este domingo 26 de agosto. Seguindo co percorrido pola planta baixa encontramos "A viaxe Dislocada. Videoviaxes e turismo", exposición que reúne unha serie de traballos en vídeo que nos invitan a reflexionar sobre a vida burguesa de décadas anteriores, e que permanecerá no Museo até o 9 de setembro.

"Novos horizontes. Artistas contemporáneos de Francia" tamén con ubicación na planta baixa do Marco, é unha exposición que reúne a un conxunto de creadores franceses que nos últimos anos comezaron a despuntar na escena artística internacional e que abordan temas moi latentes no panorama social, político e cultural da Francia actual. Esta exposición, que se pode visitar até o 23 de setembro está relacionada cos obradoiros infantís de verán "Unha volta a Galia". Esta iniciativa, que o Marco pon en marcha, é un programa didáctico para nenos onde poderán coñecer mellor o país francés a través da súa historia, habitantes e manifestacións culturais e artísticas. Estes obradoiros permanecerán abertos até o 8 de setembro na sala de exposición e Laboratorio das Artes, no primeiro andar.
Descargar todas as imaxes