Escoitar

Mocidade promove o XIX Campamento Urbano, no que participarán 450 rapaces e rapazas

Dende o 30 de xullo ata o 10 de agosto, de luns a venres, 450 rapaces e rapazas de entre 8 e 14 anos participarán na XIX Campamento Urbano, promovido pola Concellería de Xuventude de Vigo e desenvolvido polo Centro Xuvenil Abertal. Levarase a cabo por diferentes zonas da cidade, pero tendo sempre como base o Pavillón Municipal das Travesas.

venres, 27 xul 2007
1185536875campamento270707.jpg
Baixo a denominación de Campamento Urbano 2007: "Érase unha vez ... Vigo" agrúpase un conxunto de actividades presentadas este venres pola concelleira de Mocidade, Iolanda Veloso, e dirixidas a rapaces e rapazas que permanecen na cidade durante o verán.

Estas actividades pretenden, entre outros obxectivos, que os nenos e nenas redescubran a cidade, as súas posibilidades e os seus servizos a través dos xogos; que coñezan alternativas de lecer que poidan seguir realizando durante todo o ano; que sexan os protagonistas, e non simples espectadores, das actividades; que descubran valores de convivencia, solidariedade, paz e amizade e que sexan quen de dalos a coñecer pola cidade. Todo isto acompañado do fomento da cultura e da lingua galega.

O Campamento Urbano 2007 forma parte da programación de Verán Xove que cada ano organiza a Concellería de Xuventude do Concello de Vigo co obxecto de propor alternativas de ocio e lecer, dirixidas á poboación xuvenil, no período estival.
Para máis información pódese contactar coa Casa da Xuventude (r/ López Mora, 31), teléfono 986 294 806, ou co Centro Xuvenil Abertal (r/ Venezuela, 3–baixo), teléfono 986 225 662.
Descargar todas as imaxes