Escoitar

Axentes turísticos orientarán os visitantes durante as súas estadías en Vigo

O tenente de alcalde, Santiago Domínguez, presentou este xoves os seis novos axentes turísticos que se dedicarán a partir do venres a promocionar Vigo entre as persoas que visiten a cidade durante o verán.

xoves, 26 xul 2007
1185451823turismo260707.jpg
Son catro mozas e dous mozos vestidos coas cores de Vigo e que levarán nas súas camisolas o lema de Turismo de Vigo "Quérete" en galego, inglés, castelán, francés e portugués. O seu labor desenvolverase ata finais de setembro na área de máxima afluencia de visitantes, a comprendida entre Montero Ríos, o Real Club Náutico, a Estación Marítima, a praza de Compostela, Príncipe e Urzaiz.

Os seis axentes turísticos levarán cadansúa mochila con material publicitario para os visitantes, co cal os informarán sobre Vigo e as posibilidades de ocio con que contarán nos días da súa estadía na cidade. Ademais, os axentes turísticos acompañarán os turistas ata os lugares onde estes queiran ir, sempre nun radio de acción próximo á zona mencionada.

Os axentes levarán a cabo estes labores de mañá e de tarde, aínda que, como adiantou Santiago Domínguez, este horario se poderá ampliar coa chegada de cruceiros ou no caso de que teña lugar en Vigo algún evento relevante. De ser así, o número de axentes tamén se vería incrementado.

O tenente de alcalde sinalou que esta iniciativa se enmarca no esforzo da Concellería de Turismo e Comercio por promocionar Vigo a través de dúas liñas de actuación básicas: a exterior, para potenciar a imaxe da cidade a nivel internacional, e a interior, co obxectivo de mellorar a percepción que os vigueses teñen de Vigo.
Descargar todas as imaxes