Escoitar

Discurso do alcalde co gallo da celebración do Día de Galicia

mércores, 25 xul 2007
Vigo é un proxecto colectivo, a confluencia de vontades cun espírito común. Vigo é unha idea e un sentimento compartido. É a nosa cidade, na que nacemos ou na que eleximos vivir. E querémola co entusiasmo común que asoma nos nosos ollos.

E aquí, no Pazo de Castrelos, lugar de encontro onde habitan os trasnos ocultos que dan a vida á cidade, hoxe celebramos o dia de Galicia, pero sobre todo o dia de Vigo. O noso.

E facémolo ante un novo horizonte cheo de esperanza, nun tempo no que as cidades son o centro do desenvolvemento, o espazo onde todo os esforzos se aúnan para dar pulo á sociedade. En toda Europa vivimos tempos nos que as cidades soman pulos para desenvolverse. E en Vigo é este o momento da autoidentificación e do noso propio recoñecemento. Somos a primeira cidade de Galicia, somos a cuarta cidade exportadora de España, somos a primeira cidade do automóbil de España, a primeira da pesca no mundo, a pioneira do granito, a primeira do naval privado en España... Contribuímos de forma espléndida ao sostemento da economía de España nun mundo globalizado onde os méritos se contan pola capacidade de competir. Mercadorías que exhiben a marca Vigo transitan por todo os mercados do mundo, nunha dura competencia que resistimos.

E todo isto, que mostramos con orgullo, é o froito dunha colectividade laboriosa, de traballadores e de empresarios que case sós, sen grande apio, souberon levar adiante as súas empresas. Anos de experiencia e esforzo fixeron posible o que somos. É fondo e o noso orgullo por conseguilo. Queremos seguir ocupando ese espazo, crecendo e contribuíndo ao desenvolvemento de Galicia e España. E para isto precisamos a confluencia dos esforzos da cidade, que todos apuntemos na mesma dirección, se cadra na busca da estrela polar. Pero agora máis que nunca son imprescindibles os vectores que dependen doutros ámbitos, para que poidamos estar en igualdade con outros cos que competimos e que dispoñen de todas as infraestruturas.

E isto escríbese con letras maiúsculas de AVE a Madrid e a Porto, dunha nova estación, de autovias, dun grande aeroporto central na eurorrexión, do Porto, da Cidade do mar e dunha Universidade pragada de investigadores.
En Vigo remataron os tempos de verbas vacías sen contido. E sirva soamente un exemplo: cando se fala de aeroportos en Galicia, sáibase que é Vigo a gran xeradora de pasaxeiros, e por iso ten que ser Vigo o eixo central do transporte aéreo de Galicia.

Son estas necesidades non soamente para o benestar de Vigo, senón para o propio progreso de Galicia e para manter a nosa contribución a España. E teñen que realizarse sen demoras. Inxente é a tarefa, e moi é preciso apurar. Porque imos atrasados. Esta é o gran paradoxo, prestos e os primeiros en desenvolvemento e producción económica e lentos e retrasados en equipamentos e infraestruturas.

Pero tamén aquí os tempos son cambiados. Agora contamos coa cooperación decidida doutras administracións. O claro compromiso con Vigo manifestado polo Presidente do Goberno de España na súa primeira visita á nosa cidade, e o do Presidente da Xunta de Galicia, marcan unha senda que abre a vía a mellores escenarios.

O mundo estase a organizar en territorios que soman as súas sinerxias, para unha mellor articulación. O Grande Vigo é xa unha realidade social e laboral, que aglutina preto dos 600.000 habitantes. A actividade laboral, a comercial, o ocio, a cultura, a saúde, a Universidade, son xa elementos que configuran unha grande área metropolitana, da que todos nos sentimos membros activos. E é preciso que esa grande área, lonxe de cativos e miopes enfoques, se configure con capacidade organizativa que nos permita rachar con perspectivas localistas que só son beneficiosas para intereses particulares.

E aínda mais aló, esténdese a rexión Galicia-Norte de Portugal, un proxecto de rango europeo, unión de dous países nun ámbito común e compartido de máis de seis millóns de habitantes. Un proxecto que ten que ser vertebrado principalmente polas cidades, e dentro delas por Vigo, que ocupa o centro do centro. Irmanamento de pobos que nunca deberon estar de costas, e que van a atopar na nosa cidade o seu punto de encontro. E seremos nós, viguesas e vigueses conscientes da nosa importancia e do noso poder de impulso, os que debemos poñernos á cabeza da eurorexión e constituírnos nun referente en Europa. E faremolo dende a economía, dende as finanzas, dende a cultura e dende a política.

Pero tamén queremos ser unha cidade habitable e solidaria. Onde todos sexan tratados por igual, e onde todos os territorios de Vigo ocupen o centro. O centro de Vigo vai dende Saiáns ata Cabral, ata Valladares e ata o porto. O centro somos todos. E miramos cara á situación sanitaria, onde grandes progresos son imprescindibles, porque partimos da peor das situacións. Pero aquí tamen estamos en marcha e hoxe presentouse polo presidente da Xunta un magnífico proxecto do máis grande hospital de España. E queremos e imos ser os mellores. E as rúas e o transporte, e as cousas de cada dia, as que fan máis fácil a vida cotiá. As que acurtan a espera do autobús cada día ou aquela maquesiña imaxinaria na que os universitarios agardan os autobuses baixo a choiva protexidos soamente polas ecuacións diferenciais e os cálculos logaritmicos que bulen no seu optimismo de mozos.

A tarefa é inxente e para levala adiante todos somos necesarios, todos somos imprescindibles. Ninguén debe ser excluído e ninguén debe autoexcluírse. Vigo é ante todo un proxecto colectivo. A sociedade civil, a economía, os traballadores, os responsables veciñais, o mundo da cultura, os ensinantes, os responsables políticos da Xunta, do Goberno de España ou do Concello. A todos chamamos e a todos necesitamos.

Porque por enriba de todo unha cidade é tanto como sexamos os seus moradores. Unha cidade é tanto como sexamos as súas xentes. Unha cidade é tanto como sexan as súas mulleres e os seus homes. E aquí, neste xardín, estades hoxe o espírito de Vigo. E convosco as sensacións, sentimentos, cores, sons, verbas, rúas, almas, música e poesía. Aquí arriba unha familia paseando no parque de Castrelos, e alá abaixo un barco navegando a ria e adentrándose na mar. Iso é Vigo.