Escoitar

Vigo contará en 2012 cun novo hospital para unha área de 600.000 habitantes

Vigo contará en 2012 cun novo hospital para atender os 600.000 habitantes da súa Área Sanitaria. Disporá duns 135.000 m2 e máis de 1.400 camas e suporá un investimento de máis de 370 millóns de euros.

mércores, 25 xul 2007
O proxecto básico desta nova infraestrutura foi presentado este martes no Centro Social Caixanova nun acto ao que asistiron, entre outras personalidades, o presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, a conselleira de Sanidade, María José Rubio, e o alcalde de Vigo, Abel Caballero.

O proxecto é obra dos arquitectos Valide & Pistre, e foi seleccionado, segundo indicou María José Rubio, por ser "froito das sensibilidades arquitectónicas e as funcionalidades hospitalarias". Así, Valide & Pistre procuraron combinar aspectos como o confort dos pacientes e do persoal do hospital cunha disposición clara da circulación de vehículos no seu emprazamento, a integración do edificio no seu contorno paisaxístico e a creación dunha atomosfera de tranquilidade ao seu redor.

Emilio Pérez Touriño cualificou o proxecto de novo hospital de Vigo como "a aposta máis importante en obra civil do goberno que presido". O presidente da Xunta adiantou que en 2008 se terán completado as expropiacións e a redacción do proxecto de detalle. Nese mesmo ano a Xunta realizará a declaración de interese supramunicipal do proxecto, para que en 2009 se liciten e inicien as obras, cuxa finalización está prevista para 2012. Para entón, Vigo contará cun edificio "versátil, moderno e eficiente", un hospital "de referencia na área sur de Galicia" que se converterá no "buque insignia do sistema sanitario" autonómico, segundo salientou Touriño.