Escoitar

Setecentas sinaturas reclaman unha praza dedicada ós Dereitos Humanos

mércores, 18 xul 2001
imx461.jpg
Iria Ferreiro e Carlos Príncipe
O concelleiro de Cultura, Carlos Príncipe, recibiu unha proposta de nomeamento dunha praza ”Dos Dereitos Humanos” por parte das Xuventudes Socialistas, que recolleron 700 sinaturas entre a mocidade viguesa.

A secretaria local das Xuventudes Socialistas, Iria Ferreiro, fixo entrega das sinaturas que solicitaban a dedicación dunha praza ós Dereitos Humanos. Carlos Príncipe anunciou que trasladará esta petición ó Pleno da Corporación e agarda que Vigo se poña á vangarda como a primeira cidade de Galicia cun espacio público dedicado ós Dereitos Humanos. ”Isto permitirá seguir unindo o nome de Vigo ó da liberdade”, dixo Príncipe.

Esta praza deberá ser un lugar de encontro entre distintas culturas e ideoloxías, como unha reclamación para seguir avanzando na consecución dos dereitos humanos, e posiblemente estará situada na parte nova da cidade, preto da Casa das Palabras, sinalou o concelleiro.

Por outra parte, Carlos Príncipe respondeu ás preguntas dos xornalistas sobre o feito de que Emilio Pérez Touriño encabece a lista como candidato ás eleccións autonómicas pola provincia de Pontevedra e manifestou que ”é unha magnífica noticia, xa que é o secretario xeral do PSdeG, e contará con todo o apoio dos socialistas vigueses”.
Descargar todas as imaxes