Escoitar

Acordo entre o Concello e Caixa Galicia para construír un xeriátrico en Barreiro

luns, 16 xul 2001
A Comisión de Goberno aprobou as condicións nas que se lle van ceder a Caixa Galicia os terreos necesarios para que esa entidade constrúa unha residencia xeriátrica en Barreiro. A residencia vai ser unha das pezas principais da futura ordenación dos terreos do vello cuartel que foron adquiridos polo Concello.

No próximo Pleno da Corporación municipal asinarase un convenio con Caixa Galicia no que se recollerán as condicións da cesión. O Concello porá a disposición da entidade 8.000 m2 de forma gratuíta a cambio de que a Caixa de Aforros de Galicia asuma varios compromisos. O esencial é a construcción dun xeriátrico de 130 prazas residenciais e dun centro de día que atenda alo menos 50 persoas. A entidade terá que afrontar, ademais da construcción do edificio, os custos de urbanización da parcela e, a maiores, aportará outros 40 millóns de pesetas para que o Concello realice obras de urbanización no ámbito do antigo cuartel.

O convenio queda supeditado á próxima aprobación do Plan Especial de Reforma Interior de Barreiro que ordenará os 70 mil metros cadrados de superficie do vello recinto do cuartel.